Un tren do servizo de proximidade FEVE que cubría o traxecto entre Ferrol e Oviedo sufriu na tarde desta terza feira un descarrilamento após impactar contra unha árbore ao seu paso polo municipio de Ortigueira (Ortegal). No incidente, que se produciu minutos antes das 17 horas e do que informou Adif, non se rexistraron feridos.
Como consecuencia do impacto contra a árbore saíuse da vía o primeiro eixo de convoi. Até a zona mobilizouse persoal de Adif para valorar os danos e proceder ao encarrilamiento do tren o máis axiña posíbel. Ao mesmo tempo, activouse un plan alternativo de transporte por estrada para garantir a mobilidade dos viaxeiros.
O tren partiu da estación de Ferrol ás 15.30 horas e tiña prevista a súa chegada á capital asturiana ás 23.05h de hoxe. Porén, a circulación vén de ser oficialmente suspendida entre Ortigueira e Ribadeo polo Adif, "para recoñecemento da infraestrutura".
Queda suspendida la circulación entre Ortigueira y Ribadeo para reconocimiento de la infraestructura. Establecido plan alternativo de transporte por carretera.
— INFOAdif (@InfoAdif) November 14, 2023