Iria Vázquez Silva: "A 'manosfera' son youtubers e foros onde homes se organizan para boicotear as mulleres e exercer violencia"
—Como están repercutindo as redes sociais á hora de xerar novas formas de violencia contra as mulleres?
Unha das cousas máis graves que está acontecendo co machismo dixital ten que ver coas redes de homes machistas organizados, é dicir, a “manosfera”: youtubers e foros onde os homes se organizan para boicotear as mulleres e exercer violencia desempeñando un rol de poder a través de internet. As redes sociais estanse empregando para facer violencia de control, que ten que ver con: “Onde estás? Envíame a túa localización. Con quen estás?”, espionaxe do móbil, ciberacoso e incluso pedir imaxes íntimas da súa parella para utilizalas a modo de chantaxe ou acoso.
A primeira medida de actuación fronte a isto é facer ver que as mulleres sofren este tipo de violencia a través de redes sociais e que realmente ten repercusións severas na súa saúde e benestar das mesmas e da súa contorna.
—Están xurdindo espazos de propagación de discursos misóxinos. A que se debe a extensión deste tipo de narrativas?
Danse por unha reacción machista, na cal hai homes que queren seguir exercendo dominio e que ademais procuran calar as políticas públicas vencelladas á igualdade. As redes sociais incrementan a sensación de polaridade e están exacerbando estas mensaxes, chegando ás mozas e mozos. A "manosfera" banaliza a violencia contra as mulleres e, ao final, a xuventude interiorízao; resultando en enquisas onde os mozos afirman que non existe tanta violencia de xénero. En contraposición, as mulleres amosan preocupación sobre a violencia. Necesitamos máis sensibilización por parte dos homes, que adquiran valores feministas e que deixen de banalizar e de exercer todo tipo de violencia.
—Ten o anonimato un papel fundamental á hora de perpetuar este tipo de violencias?
Efectivamente xoga un rol moi importante, mais na actualidade existen figuras que exercen violencia de maneira pública. Lamentabelmente as actitudes sexistas ás veces non teñen a repercusión social que deberían ter, iso é unha problemática vai máis aló da lexislación. Vivimos nun país no que aínda faltan moitos pasos á hora de concienciar, sensibilizar e que se apliquen os protocolos.
—E onde poden recibir axuda as vítimas de violencia de xénero dixital?
Na Galiza a violencia dixital está recollida na lei, así que para denunciar pódese acudir a comisarías ou xulgados, mais a maioría da violencia de xénero, xa sexa física, sexual ou virtual non se denuncia. Existen mecanismos para actuar sen que sexa necesaria unha denuncia, como é o caso dos Centros de Información de Mulleres (CIM). Moitas mulleres necesitan apoio e seguimento, o cal poden procurar en asociacións, entidades e centros especializados. No caso de que a violencia aconteza no entorno laboral ou escolar, débese acudir á mesma institución, que porá en marcha os protocolos de obrigado cumprimento por parte das empresas ou centros educativos.