A Xunta advirte dunha posíbel cuarta vaga

O inzamento da cepa británica condiciona a desescalada

A hostalaría só fica fechada no concello de Soutomaior (Foto: Arxina).
A desescalada avanza na Galiza sen perder de vista a predominancia da variante inglesa da Covid-19, a ocupación hospitalaria e a incidencia acumulada de cada concello. Sanidade pide actuar con prudencia.

Prudencia. Ese foi o termo máis empregado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa comparecencia desta cuarta feira para dar conta das novidades producidas após a reunión que mantivo na terza feira o Comité Clínico. "A situación que se deu na terceira vaga, sobre todo co inzamento no país das novas variantes, fainos ser máis prudentes que nunca", dixo.

No caso da cepa británica, malia que só se confirmaron a través da secuenciación xenómica 90 casos, a súa incidencia na Galiza é de 81%, isto é, 8 de cada 10 mostras estudadas correspóndense con esta variante, presente xa nas sete áreas sanitarias. Tamén se confirmou un caso da surafricana, e hai outro sospeitoso da brasileira.

A variante do Reino Unido provocará grandes gromos

No tocante a esta cuestión, a revista Science vén de publicar un estudo no que evidencia que a cepa británica provocará gromos maiores da Covid: "Sen medidas de control estritas, incluíndo o fechamento das institucións educativas e unha despregadura de vacinas moi acelerada, as hospitalizacións e mortes superarán en 2021 as de 2020". O seu número reprodutivo básico (R0), que estima o número de persoas ás que pode contaxiar un doente coa infección activa, é "entre 43 e 90% maior" nesta variante en comparanza coas demais.

A incidencia acumulada caeu 42% a 7 días e 46% a 14

A predominancia destas mutacións do virus é precisamente un dos aspectos que máis preocupa ás e aos expertos, e está a condicionar o avance da desescalada xunto a outros dous indicadores: a presión hospitalaria, especialmente nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), e a incidencia acumulada a 14 e, sobre todo, a 7 días, que permite actuar cunha "maior anticipación". Ambas as cifras melloraron de forma notábel nunha semana, situándose en 128 contaxios por cada 100.000 habitantes a dúas semanas vista (un descenso de 46%) e en 51 a 7 días (-42%).

Os casos activos caeron unha xornada máis até os 4.686 (267 menos que na xornada anterior), mentres os novos positivos detectados si experimentaron unha lixeira repunta na cuarta feira, con 173 (+56). A taxa de positividade das probas PCR, por outra banda, foi de 1,83%, e a media da última semana deixou un rexistro de 3,7%, por baixo de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Así mesmo, o número reprodutivo básico é de 0,8.

E os pasamentos desde o inicio da pandemia ascenden a 2.256, após sumar Sanidade catro novas vítimas ao cómputo global.

Escasa incidencia da Covid en colexios e residencias

Nos centros de ensino, a incidencia do virus mantén a tendencia á baixa das últimas xornadas, con 796 casos activos (-45) e 34 aulas fechadas (-2). No tocante ás residencias de maiores, as cifras tamén descenden, con 34 contaxios entre as persoas usuarias (-1) e 11 no cadro de persoal (-1), mentres os centros de atención á diversidade mantéñense sen cambios con catro residentes e unha traballadora con coronavirus.

Baixan as hospitalizacións

Os internamentos hospitalarios volveron descender a nivel xeral, deixando un total de 97 persoas ingresadas nas unidades de críticos (-8) e outras 375 en planta (-8). Porén, a presión asistencial subiu en tres das sete áreas sanitarias. Así, na de Compostela-O Barbanza, malia que baixan a 15 as persoas atendidas nas UCI (-3), aumentan a 45 as hospitalizacións convencionais (+7). Na de Vigo, a situación é semellante: caen os ingresos en coidados intensivos a 14 (-1) e increméntanse até os 64 noutras unidades (+4), mentres na de Lugo-A Mariña-Monforte os críticos fican en 14 e soben a 23 en planta (+1).

Pola contra, na área de Ourense-Verín-O Barco os internamentos descenden a dous nas UCI (-1) e a 34 noutras unidades (-1), mentres na de Pontevedra-O Salnés mantéñense en 11 as persoas doentes en estado crítico e baixan a 39 as ingresadas en planta (-5). A caída máis pronunciada experimentárona as áreas da Coruña-Cee e Ferrol, con 34 persoas na UCI (-3) e 129 noutras unidades (-8) no primeiro caso e 7 (sen cambios) e 41 (-6) no segundo.

Os ingresos soben nas áreas de Compostela, Vigo e Lugo, e descenden nas tres restantes

Neste senso, o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, indicou que todas as áreas sanitarias están na fase 1 do plan de continxencia, agás as da Coruña, que fica no segundo nivel, e Pontevedra, que ten activada a fase 2 en hospitalizacións convencionais e a 3 nas unidades de críticos. Tamén salientou o descenso da ocupación dos 'circuítos Covid' nos servizos de Urxencias, que se atopa entre 4 e 19% en función da área.

Avances na apertura

A partir das 00.00 horas desta sexta feira, só o concello de Soutomaior manterá o nivel máximo de restricións. "Preocúpanos a incidencia acumulada a 14 días (525) e a 7 (269), así como a taxa de positividade das PCR, de 10,3%. Seguimos o mesmo razoamento en todos os municipios", xustificou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Segundo informou Sanidade, esta cuarta feira publicaranse as novas decisións no Diario Oficial da Galiza (DOG).

A principal novidade é a apertura da área de Ferrol, que pasa no seu conxunto ao nivel medio coa excepción de Cariño, que fica no alto. Malia que a pasada semana o Comité adiantou que sucedería o mesmo coas de Pontevedra e A Coruña, manterán o nivel actual. "Ambas as dúas teñen unha situación favorábel, mais están no límite no tocante á presión asistencial, e pareceunos prudente agardar un pouco", incidiu García Comesaña.

A súa situación podería mudar na vindeira sexta feira, para ben ou para mal, cando o subcomité se reuna para avaliar a evolución de todos os concellos do país e, sobre todo, o impacto da desescalada iniciada hai apenas seis días. Nese caso, as novidades publicaríanse na mesma xornada no DOG con vista a que entrasen en vigor ás 00.00 horas da segunda feira.

Na sexta feira revisarase a situación de cada concello

Tamén entran no nivel alto os concellos de Boborás, Cariño, Guitiriz, Lourenzá, Mondariz, Mos, Pazos de Borbén, A Pobra do Brollón, Porto do Son e Tordoia, cuxa incidencia a 14 días é superior ou rolda os 250 contaxios por cada 100.000 habitantes. O resto da Galiza queda no nivel medio, mais o Comité advirte: "Pode haber mudanzas en función, sobre todo, da ocupación das UCI. O obxectivo é garantir que os hospitais poidan dar unha resposta rápida se houber unha cuarta vaga da Covid", explicou o doutor Pedro Rascado, profesional da UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Preguntado a respecto do estabelecemento dun hipotético nivel baixo de restricións, o conselleiro asegurou que "aínda non é o momento", malia que a súa intención é seguir avanzando na desescalada e levantar "o máis axiña posíbel" o fechamento perimetral do país "cando o avalíen os datos". Non descartou ampliar nun futuro o número de persoas non conviventes que se poden reunir ou retrasar a hora de feche da hostalaría, mais non pensando na Semana Santa: "Restan tres semanas e hoxe é moi difícil ter un posicionamento rotundo ao respecto", dixo.

Por outra banda, García Comesaña instou a "reconducir certos comportamentos" para poder proseguir a desescalada: "Preocúpanos o que vimos na fin de semana nalgúns lugares, tanto por parte da cidadanía como de determinados (poucos) hostaleiros", sostivo. Nas tres primeiras semanas de febreiro Sanidade realizou 4.107 inspeccións en estabelecementos, en especial comerciais, de alimentación e de restauración. En 31% desas visitas detectáronse incidencias menores que foron emendadas con rapidez.