O comité clínico pide extremar as precaucións na desescalada para evitar unha cuarta onda "que pode ocorrer"

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, xunto a José Flores, xerente do Sergas, e Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública [Imaxe: Xunta da Galiza].
Sobre a semana santa, o conselleiro de Sanidade afirma que a estas alturas "é difícil ter un  posicionamento rotundo" sobre os niveis de restricións para aquela. O fechamento perimetral da Galiza levantarase "o máis axiña posíbel" cando o "avalen os datos". 

"Non desexamos que ocorra pero pode ocorrer". O doutor Pedro Rascado, do comité clínico incidiu esta mañá nas chamadas á prudencia para evitar unha cuarta onda de coronavirus. Fíxoo na comparecencia para informar dos asuntos tratados na reunión semanal do comité clínico de expertos que asesora á Xunta en materia de Covid-19. Lembrou que a desescalada é progresiva: "Aínda non estamos nunha situación relaxada", enfatizou Rascado. 

Aínda que os datos da última semana na Galiza apuntan a unha clara diminución da incidencia do virus, as autoridades sanitarias seguen apelando á prudencia. O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, insiste na necesidade de "ser prudentes" malia desescalada e os bos datos destes días en canto á evolución da pandemia. Chamou a "reconducir" os comportamentos non acaídos neste principio de desescalada. "Preocupounos a situación que vimos" na fin de semana, recoñeceu o conselleiro. 

"Preocupounos a situación que vimos" na fin de semana, recoñece o conselleiro de Sanidade

As autoridades sanitarias galegas confirmaron xa por secuenciación 90 casos de variante británica de Covid-19 e un de surafricana, á vez que está en estudo un caso de cepa brasileira. Así o explicou a directora  xeral de  Saúde Pública, Carmen Durán, durante a rolda de prensa .

Soutomaior é o único concello que fica en nivel máximo de restriciòns, é dicir, coa hostalaría fechada. A incidencia acumulada a 14 días supera os 500 casos por cen mil habitantes. Cariño, Guitiriz, Lourenzá, Pobra de Brollón, Tordoia, Porto do Son, Mos, Mondariz, Pazos de Borbén e Boborás pasan a nivel 2.

 Sanidade detectou incumprimentos no 31% das máis de 4.000 inspeccións realizadas ata o 21 de febreiro

Carmen Durán, sinala a mellora que tivo lugar nestas 2 semanas. 91  concellos non tiveron ningún caso en 14 días, son 36 máis o 20 de febreiro. O número de  concellos sen casos durante estes sete días é de 165. 

Semana santa

A Xunta recibiu un borrador a respecto da semana santa, que está a estudar. Hai que pensar "moi  ben" as medidas, sinalou García Comeseña. "Faltan tres semanas e francamente é difícil ter un  posicionamento rotundo". "Haberá xente que vexa favorábel manter as restriccións e xente que non o vexa así de ben"

8-M

O conselleiro considera que "en xeral, non é un bo momento" para actos ou reunións nas que participen moitas persoas. Porén, lembrrou que é a Delegación do Goberno a encargada de autorizar ou non as mobilizacións. 

Vacinas

Na comparecencia tamén se informou de que na Galiza administráronse 233.336 vacinas: 34.620 de Pfizer, 6.377 de Moderna e 4.239 de Astrazeneca. 115.136 galegos foron vacinados cunha dose. 59.072 con dúas dose.

Inspeccións

A campaña de control e inspección comezou a inicios do mes de febreiro con máis de 200 inspectores de Saúde Pública, centrándose en establecementos comerciais e instalacións deportivas. Nas3 primeiras semanas de  febreiro realizaron 4.107 controis en establecementos. No 31 % atopáronse deficiencias e establecéronse prazos para emendar. 

O Comité clínico que fai seguimento da evolución da Covid-19 na Galiza propuxo, na súa reunión desta terza feira, 2 de marzo, abrir o feche da área sanitaria de Ferrol, que pasa a nivel medio e recuperará a mobilidade co resto da Galiza. 

Mentres, as áreas sanitarias da Coruña e de Pontevedra continúan fechadas, con todos os seus concellos en nivel alto. Así, pois as e os seus habitantes só poderán moverse a municipios na mesma situación e os locais de hostalaría poden abrir só as terrazas a 50% de ocupación até as 18 horas.