Investigan tres persoas por incendios forestais en Lalín, Xunqueira de Espadañedo e Xunqueira de Ambía
En todos eles os axentes observaron indicio de que o lume fora provocado durante tarefas agrícolas sen as debidas medidas de seguridade.
Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita da Galiza (UPA) en Santiago de Compostela e en Ourense esclareceron tres incendios forestais rexistrados en Lalín (O Deza) e nas localidades de Xunqueira de Espadañedo e Xunqueira de Ambía (Allariz-Maceda)
Segundo detallou a Administración autonómica, o incendio de Lalín orixinouse na parroquia de Maceira e afectou unha superficie total de 83 hectáreas, das que 50 foron de superficie forestal e 33 hectáreas foron de superficie rasa.
Nunha inspección ocular, os axentes observaron indicios de que o lume fora provocado durante unhas tarefas agrícolas realizadas cunha máquina segadora nas que non se tomaron as debidas medidas de seguridade. Na extinción participaron 13 medios aéreos, 13 axentes forestais, dous técnicos, 16 brigadas e 12 motobombas. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de garda de Lalín. Neste caso resultou investigada unha persoa.
Doutra parte, axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) en Ourense esclareceron dous incendios forestais rexistrados o 14 e o 16 de xullo nos concellos de Xunqueira de Espadañedo e Xunqueira de Ambía, respectivamente.
Nos dous lumes, os axentes observaron, tras unha inspección ocular, que se iniciaron durante tarefas de roza realizadas con tractor sen aplicar as debidas medidas de seguridade.
En concreto, o incendio de Xunqueira de Espadañedo rexistrouse na parroquia de Celareira e afectou 0,4 hectáreas de superficie rasa. Na extinción participaron dous medios aéreos, tres axentes forestais, oito brigadas e cinco motobombas. En canto ao incendio sucedido en Xunqueira de Ambía, o lume rexistrouse na parroquia de Siota e afectou 1,1 hectáreas, case na súa totalidade de superficie forestal. Na extinción participaron catro avións, tres helicópteros, dous axentes forestais, dous técnicos, cinco brigadas e tres motobombas.
