Adega denuncia os efectos da contaminación no río Eume

A formación ecoloxista culpa Endesa da contaminación do río.
A asociación ecoloxista Adega denuncia os efectos que o case medio século do encoro da Capela tivo no río Eume e culpa a empresa Endesa. Pide á Xunta que inicie o proceso de caducidade da concesión do encoro.

Como apunta, o baixo nivel das augas amosa lamas e refugallos mineiros "con alto potencial contaminante" deitados no vaso.Son, segundo advirte, os resultados "das verteduras da mina e dos arrastres e escorrentías arredor do enorme oco mineiro, hoxe convertido nunha balsa de máis de 800 hectáreas".

A entidade pon de relevo que a baixada de caudal do encoro nas últimas semanas do verán sacou á luz "novos cadáveres ambientais" que deixa a mina e a central térmica das Pontes, xestionada durante anos por Endesa "coa comenencia" das Administracións.

A este respecto, a plataforma ecoloxista apunta aos incumprimentos da Lei de Augas, de Pesca Fluvial ou dos caudais ecolóxicos ou a "cuestionábel xestión" dos refugallos mineiros, como é o uso dun río como vertedoiro en pleno Parque Natural", e volve exixir á Xunta que inicie o procedemento de caducidade da concesión franquista do encoro e libere o Eume "dun parasito que leva chuchándolle o sangue e contaminándoo por máis de medio século".

Segundo lembra, desde a súa construción en 1960, un treito de 3,4 km do Eume permaneceu décadas case seco. Non foi até 2010 que, por intervención da Fiscalía a partir da denuncia de ecoloxistas e pescadores, Endesa viuse obrigada a presentar un proxecto para liberar o debido caudal ecolóxico.

A empresa presentou en 2011 unha proposta que pretendía baleirar de lamas tóxicas o ateigado encoro para "modernizar" os desaugues de fondo do encoro e liberar caudal, pero que –denuncia Adega– guindaba os materiais acumulados no vaso polo Eume abaixo, usando o río como "balsa de decantación". A forte oposición ecoloxista contra este proxecto obrigou a empresa a reformulalo e abandonar a pretensión de verter as lamas augas abaixo.

Após seis anos de trámites finalmente en 2017 a Xunta autorizou o proxecto de "modernización" dos desaugues de fondo mediante o dragado dos sedimentos e o seu depósito fóra da canle, se ben diversos colectivos ecoloxistas seguiron alertando dos riscos de recirculación das lamas e os efectos desta acción sobre o río.