Investigadores e científicos impulsan un manifesto en defensa da flora endémica ameazada por Altri

'Santolina' (Foto: Adega)

Advirten do impacto destas instalacións e a súa actividade.

Investigadores e profesionais nos campos da botánica, da bioloxía da conservación, da ecoloxía e da xestión do patrimonio natural lanzan un manifesto para procurar apoios do mundo da ciencia contra a instalación de Altri na Ulloa, por mor do impacto que exercería a factoría de celulosas sobre a flora endémica do país; segundo informan desde Adega.

“As denominadas serpentinas de Melide constitúen un dos espazos de maior interese botánico da Península Ibérica. Situadas no centro da Galiza, presentan unha diversidade de hábitats singulares que se estenden desde os cumes fríos e húmidos da Serra do Careón até as ribeiras do Ulla, onde penetra a influencia cálida do mar, e constitúen un afloramento de rochas ultrabásicas, moi raras na superficie terrestre, que orixinan solos con altos valores naturais de metais pesados e baixa fertilidade. Este xogo de condicionantes ambientais tan particulares levaron a que a zona teña funcionado como un laboratorio evolutivo, dando lugar a unha explosión de biodiversidade única”, apunta o manifesto.


Así, o isolamento derivado do substrato ultrabásico, nun contexto dominante de rochas ácidas no noroeste ibérico, deu lugar a procesos de especiación en plantas que acadan o seu maior expoñente nas especies endémicas estritas descritas até a data. Destacan Armeria merino, Leucanthemum gallaecicu , Santolina melidensis, exclusivas da zona, ou Centaurea gallaecica, esta tamén presente nalgúns outros pequenos afloramentos ultrabásicos, satélites do principal de Melide.

Unha quinta especie endémica da Galiza, Sagina merinoi, encóntrase tamén nas serpentinas da Serra da Capelada e rochas ultrabásicas do oeste da Coruña. Outras, como Koeleria rodriguez-graciae ou Seseli peixotoanum están principalmente restrinxidas e estas serpentinas e ao afloramento portugués de Tras-os-Montes, xunto con algunhas zonas próximas do noroeste ibérico. Asplenium adiantum nigrum var. corunnense Christ. tamén sería un fento exclusivo do conxunto dos afloramento serpentínicos ibéricos.

“Rexeitamos a instalación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles en toda área con presenza do afloramento das serpentinas de Melide, así como calquera outro tipo de urbanización e ocupación industrial”, indícase no manifesto.

“Esiximos medidas de conservación efectivas para a flora ameazada existente, así como para o resto da biodiversidade do espazo, especialmente no que se refire a transformacións en cultivos forestais de eucaliptos, así como a transformación a prados mediante roturación de afloramentos serpentiníticos”.

“Demandamos a planificación estratéxica de medidas alternativas e/ou compensatorias que conxuguen a conservación do patrimonio natural co mantemento das comunidades rurais existentes, potenciando os usos tradicionais compatíbeis coa conservación dos procesos ecolóxicos e a biodiversidade, e o fomento de actividades económicas que garantan unhas comarcas centrais de Galiza vivas”.