Vigo testará un tratamento con anticorpos de persoas que superaron a COVID-19

Un home que superou a infección por coronavirus doa o seu plasma no municipio de Chongqing, no suroeste de China en febreiro (Imaxe: He Hongze/Xinhua)
Nas vindeiras semanas o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo iniciará a selección de posíbeis donantes de plasma que superaran un contaxio por coronavirus. Os seus anticorpos destinaranse para tratar doentes coa infección aínda activa.

A Organización Mundial da Saúde publicou un informe ao respecto deste tipo de tratamento, tras o cal o Ministerio de Sanidade autorizou o inicio de contactos a pacientes que podan ser candidatos a doar o seu plasma.

Así, o servizo de Hematoloxía do CHUVI porá en marcha o proceso, no marco dunha serie de recomendacións de seguridade e calidade, para a obtención de plasma. As persoas superaron a COVID-19 presentan inmunidade ante o virus que a provoca, polo cal o seu plasma pode contribuír á recuperación das aínda enfermas.

Carmen Albo, xefa so servizo de Hematoloxía, sinalou que se ten constatado “a eficacia deste tratamento noutro tipo de pandemias producidas por virus como o coronavirus SARS ou o évola”. “Por iso, estamos moi ilusionados e esperanzados en que esta nova terapia resulta eficaz e nos permita dispor dunha nova arma na loita contra esta pandemia”, engadiu.

Presencia de anticorpos

Polo momento Hematoloxía, que conta coa colaboración do servizo de Microbioloxía, está na fase de selección de persoas con altas taxas de anticorpos xerados fronte ao virus. A doazón requirirá da colaboración da Axencia de Doazóns de Órganos e Sangue da Galiza.

O 26 de marzo o Ministerio de Sanidade publicou un documento con recomendacións para a extracción de plasma de doantes convalecentes da COVID-19. O emprego deste tratamento en pacientes agudas, sinalan, sitúase nunha fase experimental. “Isto implica a necesidade de promover a realización de ensaios clínicos ao obxecto de amosar a súa eficacia”, salientan. Existen probas capaces de determinar os niveis de anticorpos anti-SARS-COV-2 que se deberán realizar a potenciais doantes.

Segundo recolleu a axencia Reuters o 17 de febreiro de 2020, doutoras chinesas comezaron a aplicación deste tratamento. Naquela altura, o director do programa de emerxencias sanitarias da Organización Mundial da Saúde; Mike Ryan, expresou que se trataba "dunha vía moi aceptábel para explorar terapias".

A golbulina hiperinmune concentra os anticorpos nunha pacente recuperada. Esencialmente, estás a dar ao sistema inmunitario da nova doente anticorpos para ofrecerlle un impulso que, con sorte, a axude a atravesar as fases máis difíciles", agregou.