Intelixencia artificial contra a desinformación. Así é HYBRIDS, o novo proxecto da USC

O HYBRIDS é un proxecto da USC (Foto: Nós Diario).
Pablo Gamallo, docente da Facultade de Filoloxía da USC, experto en lingüística computacional e responsábel do proxecto afirma que “o obxectivo final é xerar novos sistemas de interpretación neuro-simbólica, algo que coñecemos como intelixencia híbrida”.

HYBRIDS (Intelixencia híbrida para monitorizar, promover e analizar transformacións nas boas prácticas democráticas) está a desenvolver un novo proxecto de investigación transnacional, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), co obxectivo de levar a cabo novas ferramentas automáticas que axuden a loitar contra a desinformación, as noticias falsas ou discursos de odio.

Co apoio da Unión Europea (UE) e o UKRI (UK Research and Innovation do Reino Unido) o proxecto desenvolverá diferentes técnicas de Deep Learning a partir dunha análise exhaustiva do discurso público sobre temas cruciais a nivel mundial, e terá en consideración tanto os medios de comunicación tradicionais como os contidos publicados a través das redes sociais.

A presentación desta iniciativa tivo lugar no Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTUS).

Estratexia global

“A propagación de rumores e noticias falsas, a incitación ao odio contra minorías vulnerábeis e o acoso a través das redes sociais convertéronse nunha das principais ameazas para as democracias modernas”, explican desde o proxecto.

A detección automática de fake news tivo avances significativos nos últimos tempos. Con todo, continúa a ser un eido pouco estudado ao tratarse dunha tarefa “extremadamente complexa que require un profundo coñecemento semántico, así como distintos mecanismos de inferencia e razoamento baseados na linguaxe natural”, aseguran.

Intelixencia ‘híbrida’

Para saír adiante co proxecto, o HYBRIDS detectou a necesidade de contar cun equipo de investigación multidisciplinar que fose quen de trasladar os coñecementos adquiridos nas ciencias humanas e sociais ás ferramentas tecnolóxicas baseadas nos algoritmos de Procesamento da Linguaxe Natural (PLN) e Deep Learning (DL).

Pablo Gamallo, docente da Facultade de Filoloxía da USC, experto en lingüística computacional e responsábel do proxecto desde o CiTIUS, afirma que “o obxectivo final é xerar novos sistemas de interpretación neuro-simbólica, algo que coñecemos como intelixencia híbrida”.

Así mesmo, Gamallo resumiu a esencia do proxecto como “a idea de intelixencia híbrida consiste en combinar as altas capacidades computacionais dos recentes algoritmos neuronais con representacións simbólicas que modelan o coñecemento humano, achandando así o camiño para superar as carencias dos actuais métodos de intelixencia artificial”.

HYBRIDS funcionará tamén como unha ferramenta de formación en metodoloxías híbridas de perfís que achegarán a súa experiencia neste e noutros estudos sociais cun alto impacto potencial na sustentabilidade das boas prácticas democráticas na Europa.

Contribuirá, desta maneira, ao achegamento de disciplina tradicionalmente afastadas, tais como a enxeñería informática, as ciencias sociais ou a lingüística.

HYBRIDS é tamén resultado dunha unión internacional que se lidera desde o CiTUS, onde son partícipes 14 membros de sete países europeos.