Inspección cualifica a decisión de Sargadelos de "feche patronal" e asegura que está "fóra da legalidade"
O inspector de Traballo que visitou a fábrica de Sargadelos a petición do persoal concentrado ás portas da factoría recoñeceulles que a medida adoptada por Segismundo García é "un feche patronal" que se atopa "fóra da legalidade". Despois de confirmar que todos os traballadores e traballadoras que tiñan quenda acudiron ás portas da planta de produción de Cervo, na Mariña, comunicoulles o resultado da reunión co empresario.
Segundo detallou, a decisión de fechar non está fundamentada na Inspección de Traballo, porque "aínda que hai varios incumprimentos ningún era de solución inmediata", aínda que precisamente o empresario xustificou esta decisión repentina "pola seguridade dos traballadores".
Tamén lles recomendou "esperar a ver as medidas que toma a empresa" e que no caso de que sexan dados de baixa na Seguridade Social presenten a denuncia pertinente, xa que os despedimentos teñen que facerse a través dunha regulación de emprego.
Xornada de reunións
Pola súa parte, a alcaldesa de Cervo, Dolores García, que estivo tamén reunida co propietario da fábrica e co inspector, comunicou á saída da mesma que "o conflito está en vías de solución", xa que o conselleiro de Emprego, José González, "está a negociar directamente con Segismundo para buscar unha saída a esta situación".
Reiterou a rexedora que Sargadelos "é parte do patrimonio da Galiza e non se pode perder", insistindo na necesidade "dun acordo", polo que recomendou "calma" mentres se negocia todo, xa que os e as empregadas da fábrica non teñen comunicación ningunha de despedimento.
García mostrouse optimista cunha solución negociada. Pola súa parte, os traballadores insistiron en que só queren traballar e afirmaron sentirse un pouco "perdidos" polos pasos que teñen que dar a continuación. De feito, na planta de Cervo non existe comité de empresa nin hai delegados sindicais, polo que durante toda a mañá acompañaron aos traballadores e traballadoras representantes sindicais comarcais de CCOO, como José Antonio Zan, e de CIG, a través de Xorxe Caldeiro.
Posto de traballo
Os sindicatos recomendaron ao conxunto de traballadores que sigan acudindo ao posto de traballo até que haxa unha comunicación escrita ou confirmación dalgún outro tipo de despedimento.
Pola súa parte, o inspector indicoulles que non había necesidade de facelo, xa que había constancia da negativa do empresario de deixalos entrar. A última hora, os traballadores foron chamados a unha reunión coa empresa a porta fechada.