Inquietude ás dúas beiras do Miño pola liña de Alta Tensión de 400 kv

Mobilización o pasado domingo, día 29, en Arbo contra a liña de alta tensión. (Foto: Concello de Arbo)
O Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno español deu o visto e prace á Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel para a Liña de Alta Tensión de 400.000 voltios que parte de Fonfría (A Caniza), atravesa varios concellos galegos e cruza o río Miño até se adentrar en Portugal. Unha liña contra a que a veciñanza minhota e galega leva loitando desde hai dez anos, denunciando os prexuízos e consecuencias dun trazado "imposto" e contra o que presentaron 4.500 alegacións.

A Liña de Alta Tensión (LAT) entre Fonfría e a fronteira portuguesa son máis de 20 quilómetros a través dos que transitarán 400.000 voltios. Unha aposta da Rede Eléctrica Española e a súa homóloga lusa para a interconexión Estadopañol-Portugal, cun investimento de 55 millóns de euros, e que está máis perto de ser unha realidad. Nesta década de  tramitación tivo unha ampla contestación veciñal nas dúas beiras do Miño.

Catro concellos, dous galegos (Arbo e As Neves) e dous minhotos (Melgaço e Monçao) volveron estes días escenificar a "fronte común" ante o que consideran que vai ter repercusións prexudiciais a nivel social, económico ou paisaxístico.

"Unha cicatriz de 400 Kv"

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, lamenta que en todos eses anos desde o Goberno español e o Executivo portugués "non se escoitase" a veciñanza. "O proxecto non é respectuoso nin coas persoas nin co territorio", sinala a Nós Diario, "o trazado escollido non ten en conta por onde vai nin á xente", engade. Fala da LAT como unha "cicatriz" con efectos sociais, paisaxísticos e económicos e critica que non houbese, en todo este tempo, "unha proposta que procurase o consenso, que tivese en conta a opinión dos concellos, das comunidades de montes e augas, dos colectivos veciñais...".

Hai preocupación sobre os efectos para a saúde —"hai casas a menos de 30 metros e hai informes e estudos que advirten diso"— e as consecuencias para unha zona que ten na viticultura e o turismo dous eixos do seu desenvolvemento, sobre o rico patrimonio.

Agostinho Correia, concelleiro da Cámara de  Monção, sinala que a liña vai afectar "moitas freguesías —parroquias—" deste concello portugués. "Pensamos que se podería revisar este proxecto de forma que non prexudique a poboación nin o territorio", apunta. Nos Gobernos municipais e nos colectivos veciñais doe que as por volta de 4.500 alegacións presentadas non fosen tidas en conta. "Temos enfronte a Rede Eléctrica Española, a equivalente portuguesa, os Goberno de Madrid e Lisboa...", enumera  o rexedor das Neves.

Porén, non dan por rematada a loita contra esta Liña de Alta tensión. Acóllense ao exemplo do encoro do Sela, unha presa que Fenosa planeaba construír a principios dos 80 no río Miño, e que finalmente non foi adiante grazas á loita durante máis de tres décadas da veciñanza de ambas as dúas beiras.

Aprobada a DIA polo Goberno español, van ser dous os campos a intervir, como indican concellos afectados. Un, o xudicial, intentando que en Portugal non se aprobe unha Declaración de Impacto Ambiental favorábel. Outro, o social, con mobilizacións e protestas "e procurando  con accións simbólicas concienciar sobre o que supón a LAT e parala", indica Rodríguez.

"Defendemos o benestar da poboación e do territorio e por iso rexeitamos esta liña eléctrica de alta tensión", resumía hai uns días Manoel Batista, alcalde de Melgaço, a un medio portugués, o sentido desta loita.