Ingresan no hospital outros 2 tripulantes do barco atracado en Vigo onde se detectou a variante india

Barco ro-ro 'Prometheus Leader', atracado en Vigo Foto: Europa Press].

Outros dous tripulantes do buque 'Prometheus Leader', en corentena no porto de Vigo e no que se detectaron tres casos de variante india, tiveron que ser trasladados ao hospital, co que xa son catro os mariñeiros ingresados.

Segundo confirmou a Xunta, outros dous mariñeiros foron trasladados ao hospital nas últimas horas, polo que actualmente son catro os que se atopan ingresados no Vithas Fátima de Vigo, aínda que todos eles en planta.

O resto da tripulación -formada en total por 22 persoas-, atópase en seguimento médico dentro do barco. Entre a tripulación do barco detectáronse por parte das autoridades sanitarias galegas seis casos de covid-19, dos que cinco foron remitidos a secuenciación por sospeita de variante india. Finalmente, tres deles foron confirmados como pertencentes á variante B1.617, subvariante 2 da cepa india, que "é sensíbel á vacina", os primeiros que se detectaron no Estado español.

O resto da tripulación -formada en total por 22 persoas-, atópase en seguimento médico dentro do barco

A situación é "estábel", aínda que non se trata "dunha variante fácil", se non que "leva máis incremento de contaxiosidade". "Temos que seguir tutelando e monitorizando as persoas que están no barco e coidando os catro hospitalizados até o momento".

A India converteuse nas dúas últimas semanas no novo epicentro da Covid no mundo. Varios actos multitudinarios puxéronlle en bandexa ao novo coronavirus saltar de persoa en persoa.

Máis alá da dramática situación de colapso sanitario, preocupa o avance dunha nova variante, que conta cunha dupla mutación.