SOCIAL

Un informe de expertas do PSdeG avisa de que a letalidade "real" na Galiza é máis alta que noutros territorios

Unidade de Coidados Intensivos (Claudio Furlan/EP).

O texto, elaborado entre outras polo ex director de Saúde Pública Ramón Medina, e ex conselleira de Sanidade María José Rubio, sostén que se evidenciou a "precariedade" da sanidade, que funciona "grazas ás profesionais".

Un informe realizado por un grupo de expertas sanitarias para o PSdeG avisa de que a letalidade "real" do coronavirus na Galiza é maior que noutras Comunidades Autónomas, tendo en conta que o número de falecidas por contaxios é "máis alto".

"Se na nosa Comunidade Autónoma a circulación do virus foi tan baixa, a realidade é que o seu impacto nos falecementos foi maior porque o volume de falecidas por contaxios é máis alto", sinala o documento elaborado por un grupo de expertas entre as que se atopa o exdirector de Saúde Pública, Ramón Medina, e a que foi conselleira de Sanidade durante o Goberno bipartito, María José Rubio.

Esta cuestión, conforme apunta, "pon en evidencia o pretendido discurso da anticipación falaz da Xunta" e considera que se se asumen os datos do estudo serolóxico, o dano que fixo a COVID-19 na Galiza é "dos máis elevados de España".

"As explicacións en función da demografía galega e o envellecemento da poboación son posíbeis, pero os datos de Asturias, cunha poboación similar nestas características, evidencian que un sistema sanitario máis fortalecido de inicio e unha política máis activa de servizos públicos puideron xogar un papel importante no freo da letalidade do virus", indican.

Por iso, aínda que a taxa de mortalidade galega é de 2.25 por cada 10.000 habitantes, moi por baixo da española (5.76); e que a letalidade na Galiza é do 6.69% fronte a 11.40% estatal, o documento considera que esta análise debe ser "matizada" en función do distinto nivel de circulación do virus nas distintas Comunidades Autónomas.

"Na Galiza o virus circulou pouco e isto obriga a matizar as primeiras impresións sobre os datos", sostén o estudo, que atribúe este menor número de contaxios a que as medidas de confinamento e limitación da mobilidade da poboación en España aplicáronse nun momento no que o coronavirus aínda circulara "moi pouco" polo país.

Cuestiona o "relato oficial"

A pesar destas cuestións, o documento censura que o "relato oficial" da Xunta pretenda ofrecer "unha realidade idílica non real" e tente reducir o impacto do coronavirus na Galiza para facer "unha batalla político-partidista da situación".

"Galiza debe asumir as súas responsabilidades", apunta antes de chamar a atención especificamente sobre a "insuficiencia de reacción" nas residencias de maiores, espazos cuxa situación denuncia e nos que considera que non se habilitaron "mecanismos de protección adecuados". Ademais, responsabiliza ao Goberno do PP de "non abrir residencias públicas" en máis dunha década.

O documento, que sostén que o alto nivel de contaxios entre profesionais sanitarias evidencia tamén fallos na protección e na provisión de material necesario, fai un repaso pola situación de distintas áreas como a atención primaria e as urxencias e avisa de que se a sanidade galega funciona é "grazas aos profesionais" e a pesar dunha "xestión enlentecida, limitada e con pouco diálogo".

Políticas sanitarias na Xunta

"A pandemia provocada polo coronavirus evidenciou a relevancia fundamental do noso sistema sanitario", incide o estudo, que repasa a xestión realizada polos presidentes Manuel Fraga, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feixoo.

Neste sentido, considera que a política sanitaria do goberno de Fraga consistiu en manter un sistema baixo mínimos até 2005, cando o bipartito presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño "traballou en redimensionar o sistema e darlle músculo".

Fronte a iso, sostén que os Gobernos de Feixoo caracterízanse polos "recortes silenciosos" que levaron a unha situación actual na que "o sistema necesita impulso e transformación".

"O orzamento de 2009, último ano de Goberno progresista na Galiza, tardou dez anos en ser alcanzado polo Goberno de Feixoo, até 2018. Pero hai que ter en conta a inflación de todos estes anos", indica o documento, que sostén que, se se actualiza ao valor real actual este importe, conclúese que eses orzamentos de 2009 seguen sendo superiores a calquera outro.

Estes recortes "derivan en problemas de calidade do sistema e diminución da calidade asistencial", apunta o documento, que denuncia a existencia de 1.000 camas hospitalarias menos que en 2019 e sitúa a política de persoal dos Gobernos de Feixoo da última década como un "gran fracaso" de xestión que dificulta a calidade asistencial.