Un informe do Defensor del Pueblo ratifica as denuncias da CIG sobre o psiquiátrico de Conxo

Hospital psiquiátrico de Conxo (Foto: Nós Diario).

A organización sindical revelou xa en setembro a situación de "pasividade" e a "ausencia de medidas da Xerencia da área sanitaria ante os reiterados accidentes por situación de violencia" no centro, algo que o Movemento Galego de Saúde Mental tachou de "preocupante, intolerábel e sufocante".

 

 

O Movemento Galego da Saúde Mental denunciou que na Galiza "están a vulnerarse os dereitos fundamentais dos e das pacientes con problemas de saúde mental", para o que se fixo eco dun informe elaborado polo Defensor del Pueblo con base nunha visita ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, no que se detallan as "irregularidades" diagnosticadas.

Así, entre os días 6 e 8 de xullo de 2022, un equipo do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura do Defensor del Pueblo realizou unha visita ao centro sen aviso previo, dentro do proxecto de visitas “con enfoque de xénero”. O informe agora publicado recolle unha serie de irregularidades "que atentan contra os dereitos dos e das residentes do hospital, sen que a maior parte das cuestións denunciadas fosen resoltas", aseguran.

Os problemas achados e reflectidos no informe do organismo van desde a falta de información clínica e social das pacientes á ausencia de rexistros dos casos e das motivacións das contencións mecánicas realizadas, pasando polas condicións de habitabilidade do edificio.

Ademais, denuncian a falta dun proxecto "realmente rehabilitador", que teña en conta "motivacións diferenciais por idade, problemática de saúde ou envellecemento activo". Tampouco se facilitan as comunicacións co exterior nin a realización de obradoiros ocupacionais -que só benefician a 23% das pacientes-, nin "se garanten ás persoas residentes os dereitos sexuais nin reprodutivos, nin unha vivencia positiva da sexualidade".

Destacan ademais que o centro non conta cun protocolo de prevención de suicidios axustado a institucións residenciais de media e longa permanencia, e que tampouco se realiza ningún tipo de abordaxe terapéutico das adiccións, "sendo esta unha problemática coñecida polo persoal e un frecuente motivo de sanción".

Trato discriminatorio

Doutra banda, gran parte das irregularidades detectadas xiran arredor do "trato desigual e discriminatorio" entre os homes e as mulleres que residen no Hospital de Conxo.

Así, rexistrouse mesmo unha acusación de violencia sexual, notificada ao centro. "A dirección realizou unha abordaxe deste problema deslexitimador e revictimizador. Esta actitude, verificada no curso da visita, proba a dificultade de calquera tipo de revelación e a falta de protección fronte ao abuso", reza o informe. O caso xa foi denunciado ante os tribunais.

O informe revela tamén que non existe ningún protocolo de prevención e protección da violencia de xénero, ou calquera outro tipo de violencia ou abuso, que garanta unha resposta adecuada e protectora para unha potencial vítima de violencia de xénero, agresión física, ou sexual.

Respecto á discriminación de xénero, o documento sinala ademais que as mulleres ingresadas no hospital atópanse "en situación de maior dependencia, menor autonomía para as súas actividades diarias, e tempos de estancia máis prolongados, entre outros. Ademais, apuntan que segue producíndose unha división sexual do traballo: "as mulleres en lavandería, os homes en xardinería e carpintería".

A todo isto súmase que hai, destacan, unha maior porcentaxe de mulleres ingresadas en módulo fechado "sen que se saiban os criterios deste tipo de ingreso". Continúan producíndose tamén contencións mecánicas, cunha media de duración da contención de 16 horas para as mulleres. Nun dos casos, unha muller sufriu máis de 30 contencións nos últimos dous anos, levando 19 anos de ingreso e "cun diagnóstico psiquiátrico para o que "a propia institución non considera adecuada a súa estancia alí".

O Movemento Galego de Saúde Mental tachou esta situación de "preocupante, intolerábel e sufocante", producíndose en 2021 "situacións que deberían estar superadas desde hai moito tempo". "Digámolo claramente, unha vez máis: na Galiza, na atención á saúde mental, están a vulnerarse dereitos fundamentais", concluíu a asociación.

Inspección recibe unha denuncia da CIG

Este informe do Defensor del Pueblo chega un mes despois de facerse pública a denuncia ante a Inspección por parte de CIG-Saúde na que a organización denunciaba “unha serie de deficiencias estruturais e de carencia de sistemas de seguridade que Conxo vén arrastrando no tempo”. “A día de hoxe, hai un alto rexistro de situacións de violencia”, advertía a CIG, quen xa puxo en coñecemento da Xerencia a situación en diferentes reunións.

Ademais de informar á Inspección de Traballo, o sindicato, entre outras cousas, criticou que “o sistema de seguridade de alerta inmediata para pedir axuda no caso de agresión non funciona”, e reclamou “protocolos para doentes susceptíbeis, reincidentes e de especial agresividade e tratamentos individualizados centrados nas e nos doentes que permitan a máxima rehabilitación e autonomía”.