A CIG denuncia perante Inspección as “situacións de violencia” no psiquiátrico de Conxo

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela (Imaxe: Nós Diario)

A CIG-Saúde vén de denunciar perante a Inspección de Traballo a “pasividade e a ausencia de medidas da Xerencia” da área sanitaria ante “os reiterados accidentes por situación de violencia no hospital psiquiátrico de Conxo (Compostela”.

O sindicato informa nun comunicado de que a unidade UAE do Hospital Psiquiátrico de Conxo ten unha ocupación máxima de 20 pacientes en réxime fechado e alto nivel de supervisión, con videovixilancia.

Porén, “conta cunha serie de deficiencias estruturais e de carencia de sistemas de seguridade que vén arrastrando no tempo”. “A día de hoxe, hai un alto rexistro de situacións de violencia”, advirte a CIG, quen puxo en coñecemento da Xerencia a situación en diferentes reunións.

A CIG advirte ademais de que as portas do cuarto de baño da entrada da unidade favorecen o atrincheiramento de pacientes; que as camas non son seguras nin están ancoradas ao chan; que non hai material almofadado para protección do pacientes e que as ventás filtran auga e humidade e non contan con cristais irrompíbeis.

Asegura que o sistema de seguridade de alerta inmediata para pedir axuda no caso de agresión non funciona e reclama protocolos para doentes susceptíbeis, reincidentes e de especial agresividade e tratamentos individualizados centrados nas e nos doentes que permitan a máxima rehabilitación e autonomía.

Tamén reivindica un plan de formación para traballadores ou creación de novas terapias alternativas e equipos multidisciplinares con dotación de persoal suficiente, entre outros.

Como exemplo, subliñan a carencia de terapeuta ocupacional e monitores de actividades para os pacientes.

A CIG-Saúde de Compostela asegura que, día de hoxe, “seguen a notificarse situacións de violencia nesta unidade non cumprindo o deber de protección”.