O Movemento Galego pola Saúde Mental reclama erradicar a contención mecánica

Imaxe da concentración que decorreu esta tarde no Toural, en Compostela. (Foto: Movemento Galego da Saúde Mental)
A Unión Europea investigará, entre outras cuestións, o seu uso en Conxo

No Día Internacional dos Dereitos Humanos o Movemento Galego pola Saúde Mental (MGSM) volve pór no foco a contención mecánica, unha práctica lesiva que vulnera os dereitos fundamentais. "Esa acción mediante a cal se inmobiliza unha persoa con correas e que supón unha grave limitación da súa autonomía, reducindo a quen a sofre á mínima expresión, ao lugar que ocupa o seu propio corpo", sinalan. 

A portavoz do movemento, a psicóloga Rosa Cerqueiro, agrega que diversos organismos internacionais veñen sinalando a necesidade de modificar as lexislacións vixentes en materia de saúde mental no camiño a erradicar esta práctica. "Hai experiencias que amosan que se pode chegar a unidades libres de contencións", asegura. 

O primeiro paso nesa vía consistiría en analizar cal é a frecuencia desta práctica nas unidades de saúde mental e mais a súa duración. Porén, na Galiza non hai un rexistro accesíbel nese senso, se ben as e os integrantes do movemento teñen constancia destas prácticas a través dos propios pacientes ou das súas familias, entre outros. 

Para Cerqueiro, un dos motivos polos que se recorre á contención, deseñada para facer fronte a "perigo inminente", é a falta dunhas estruturas sanitarias adecuadas e de profesionais suficientes para atender os usuarios e as usuarias dos servizos de saúde mental. "Existen técnicas de desescalada que axudarían a previr a inmensa maioría das contencións mecánicas, mais é complexo acudir a elas nunha unidade infradotada de especialistas", engade. 

O Hospital de Conxo

Esta mesma semana, o Parlamento Europeo anunciou que estudaría a "vulneración de dereitos humanos" no Hospital Psiquiátrico de Conxo. "En 2017 o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura realizou un informe no que sinalaba un uso abusivo e incorrecto da contención mecánica partindo da información da propia Consellaría de Sanidade", apunta Cerqueiro. 

O uso "marxinal" e "limitado" desta manobra estendíase no caso de Conxo a xornadas completas. "A recomendación é que se pode durar uns minutos moito mellor que unhas horas. No hospital hai rexistros  de cinco días, mesmo un que abrangue até doce días. Ese suposto de perigo inminente non pode estenderse tanto tempo", valora esta psicóloga, recalcando o uso "perverso" desta práctica. 

"As persoas ingresadas non poden ter menos dereitos", declara a portavoz do MGSM. Por iso volve insistir na necesidade dun rexistro e de indicadores para comprobar, de maneira obxectiva, como se avanza na eliminación das mesmas. 

A maiores, Cerqueiro chama a a diminuír outras prácticas que tamén menoscaban os dereitos das e dos usuarios dos servizos de saúde mental. "O informe do Mecanismo Nacional de Prevención tamén facía alusión a sobremedicación das e dos pacientes. Isto é, ao uso de sedación química para controlar a conduta dunha persoa", apunta. "Os colectivos en primeira persoa consideran que están sobremedicados e que cando propón reducir a medicación atopan moitas trabas", agrega a portavoz do MSGM.