De "tramitación fraudulenta" a "ameaza a especies en perigo”: Adega inicia a batalla xudicial contra 2 eólicos de Greenalia

Imaxe de arquivo dun parque eólico (Foto: B. Bouzas).

A asociación presenta dous recursos de alzada contra os parques eólicos de Bustelo e Monte Toural, recén aprobados pola Xunta.

Adega vén de presentar dous recursos de alzada contra senllos parques eólicos de Greenalia (Bustelo e Monte Toural) recén aprobados pola Xunta. Son como moitos outros, exemplo de fragmentación artificial e danos a especies ameazadas e se a Xunta non recúa, acabarán no contencioso.

As instalacións dos parques eólicos “Bustelo” e "Monte Toural" promovidas por Greenalia sitúanse na contorna da Braña Rubia-Lagoa de Alcaián e nas proximidades do Monte Castelo. Nesta reducida área atópanse en tramitación outro parque eólico “Campelo”, tamén promovido pola empresa da ex-conselleira Beatriz Mato.

Son tres parques da mesma promotora, sinalan os ambientalistas, que coinciden na mesma área xeográfica e partillan infraestruturas -liñas de evacuación, accesos e estación transformadora-. Son inciden, un mesmo parque eólico despezado en 3, para non superaren individualmente os 50MW de potencia e consecuentemente, seren tramitados pola Xunta.

“Presunta fragmentación artificial, danos a especies en perigo. tramitación fraudulenta, uso de información privilexiada, trato de favor... Hai razóns máis que suficientes para acudir nestes casos á vía xudicial, se como semella a Xunta vai manter a súa vontade de autorizalos”, conclúe Adega

“Esta práctica fraudulenta persegue por unha banda acollerse ás vantaxes na tramitación administrativa derivadas da declaración de “interese especial” consonte a Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (alcumada "Lei de Depredación"), declaración que as tres instalacións citadas xa acadaron mediante Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Por outra banda, a fragmentación dun mesmo proxecto en varias partes pretende tamén evitar unha axeitada avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos causados polo conxunto dos proxectos sobre os hábitats, especies, paisaxes, patrimonio, recursos e servizos ecosistémicos presentes nas áreas de desenvolvemento eólico atinxidas”.

Este feito, di Adega,, lesiona o exercicio dos dereitos cidadás de información e participación pública, prexudicando aos intereses xerais e mesmo aos particulares, ao minguar a capacidade de resposta e de negociación coa promotora.

Especies

Ademais, prosegue esta asociación, as obras destes tres parques eólicos afectan tamén a especies vulnerábeis e en perigo de extinción, e mesmo a endemismos botánicos únicos. Trátase, enumeran, da Lycopediella inundata (en perigo de extinción), a Euphorbia uliginosa (en perigo de extinción), a Spiranthes aestivalis (vulnerábel) ou a Centaurea ultreiae (en perigo de extinción).


Para "axustar" os seus proxectos Greenalia contou ademais con información privilexiada, sinala Adega: “As memorias técnicas do "Plan integral de recuperación e conservación das especies vexetais en perigo de extinción da zona de Bergantiños (Centaurea ultreiae Silva Pando e Euphorbia polygalifolia Welw. ExBoiss)", documentos non públicos entregados en 2010 para a protección destas especies e que a Xunta aínda non aprobou 11 anos despois”.


“Presunta fragmentación artificial, danos a especies en perigo. tramitación fraudulenta, uso de información privilexiada, trato de favor... Hai razóns máis que suficientes para acudir nestes casos á vía xudicial, se como semella a Xunta vai manter a súa vontade de autorizalos”, conclúe Adega