Berro desde o alto de Paxareiras contra "este modelo eólico"

Participantes na concentración deste sábado en Paxareiras (Foto: B. Louro Lago / Twitter)
Arredor de 150 persoas concentráronse no miradoiro de Carnota desafiando o temporal de chuvia e vento.

O temporal de terra e de mar, con intensa chuvia e fortes ventos, non impediu a concentración de arredor de 150 persoas no miradoiro de Paxareiras, en Carnota, para protestar "contra o modelo eólico que se está a implantar no país", segundo sinalaron os portavoces dos colectivos da Costa da Morte e Xallas convocantes da mobilización.

Unha vintena de plataformas veciñais de concellos afectados pola instalación de novos parques eólicos, como A Baña, A Capela, Carballo, Laxe, Negreira, Ordes, Santa Comba, Tordoia ou Zas. Tamén de Outes e Mazaricos, os que acumulan un maior número de novos aeroxeradores, próximos a áreas protexidas e núcleos de poboación, nalgúns casos englobando aldeas enteiras. 

Tal e como sinalan desde Ecoloxistas en Acción, nestas bisbarras estase a tramitar unha "cantidade desmesurada" de proxectos eólicos sobre humedais de alto valor ecosistémico "que deberían estar protexidos". 

"Dada a cantidade de proxectos e liñas de alta tensión asociadas, de ser aprobados, farían case imposíbel manter a poboación no territorio e a conservación dos postos de traballo directos e indirectos de sectores estratéxicos como o agrogandeiro", sinalan desde a organizaciónecoloxista.

Os colectivos convocantes da protesta en Paxareiras mantiveron hai uns días unha xuntanza con parte dos alcaldes dos concellos afectados. Compartiron a súa preocupación ante unha lexislación que permite instalar aeroxeneradores a 200 metros das vivendas. 

Consideran que os proxectos carecen dunha avaliación estratéxica e son as propias empresas quen fan os estudios ambientais sen contar cos necesarios informes hidrolóxicos e hidroxeolóxicos.