RETRASO NA CONVOCATORIA DE AXUDAS

A Xunta lávase as mans após deixar no paro 34 investigadoras

34 investigadoras e investigadores de alto nivel van ao paro [Imaxe: Pixabay]

A Consellaría de Educación desenténdese da problemática na que se atopa un total de 34 investigadoras e investigadores de alto nivel das tres universidades galegas que veñen de ficar no desemprego por unha erro de previsión da propia Xunta de Galiza nos tempos de publicación e resolución da nova convocatoria de axudas posdoutorais.

Até 34 investigadoras e investigadores posdoutourais contratados polas tres universidades galegas a través do programa da Xunta I2C ficaron no paro o pasado domingo 20 de xuño e sen posibilidades de saber que vai ser delas e deles. A causa atópase nun erro de previsión da Xunta de Galiza á hora de facilitar o seu tránsito entre a Modalidade A e a Modalidade B deste programa.

Desde a Xunta lavaron as mans a pesar da súa responsabilidade e instaron o colectivo afectado a pedir solución ás tres universidades

Unha delegación do grupo de investigadoras e investigadores afectados reuníronse hoxe na Consellaría de Educación en San Caetano para tentar paliar o agravio, mais desde a Xunta lavaron as mans a pesar da súa responsabilidade e instaron o colectivo afectado a pedir solución ás tres universidades, tal e como informou un dos investigadores afectados, Anxo Mena, da Universidade de Vigo, en declaracións a Sermos Galiza.  

A Xunta retrasou este ano a convocatoria para pasar dunha modalidade a outra (a denominada como modalidade A conta con tres anos de contrato e após unha avaliación pódese acceder á modalidade B para poder seguir investigando durante dous anos máis). Até este ano non había moitos días entre o fin dunha modalidade e o comezo da seguinte e, moitas veces até chegaban a solaparse. Porén, tal e como informou a semana pasada Sermos Galiza, co retraso na convocatoria B  deste ano estas 34 persoas investigadoras que remataron o seu contrato A o domingo 30 de xuño non saberán se van entrar na seguinte modalidade como mínimo até o 15 de novembro. Isto implica que ficarán no desemprego durante máis de 5 meses sen nin sequera saber se van contar cun contrato após ese tempo.

O programa da Xunta I2C é o de maior relevancia para a captación de talento científico na Galiza e ten neste ano 2019 un orzamento de 8,5 millóns de euros (medio millón menos que en 2018). A nova convocatoria deste programa apareceu publicada no DOG do día 13 de xuño de 2019 e prevé a sinatura de 21 novos contratos da modalidade B o 1 de decembro de 2019. Até entón estas 34 persoas ficarán no desemprego sen poder continuar coas súas respectivas investigacións durante ese tempo, no que tampouco poderán acceder aos seus centros de traballo nin dar clases no primeiro semestre do vindeiro curso, cousa que afectará negativamente á carga docente dos departamentos nos graos e masters.

As e os 34 científicos de alto nivel afectados completaron a súa formación durante dous anos nos mellores centros de investigación do mundo financiados pola Xunta de Galiza grazas á modalidade A.

O programa penaliza investigadores e investigadoras que soliciten baixas por maternidade ou paternidade

Este ano a convocatoria ademais de prexudicar estas persoas é claramente discriminatoria. As investigadoras e investigadores que estean en situación de baixa de maternidade ou paternidade terán que agardar até a próxima convocatoria do programa para que o seu traballo na modalidade A sexa avaliado, sen poder presentarse por tanto neste ano 2019 á convocatoria da modalidade B (precisan ser avaliadas da A previamente).

As investigadoras e investigadores que estean en situación de baixa de maternidade ou paternidade terán que agardar até a próxima convocatoria

Esta situación discriminatoria afecta, en concreto, a tres investigadoras que solicitaron baixas por maternidade: María Alonso Alonso (UVigo), Susana Cid Fernández (USC) e Inés Viana González (UVigo) e ao investigador que solicitou unha baixa por paternidade Anxo Mena Rodríguez (UVigo). Ademais, outra investigadora, Vanessa Valdiglesias García (UDC), decidiu renunciar á baixa por maternidade que lle correspondía legalmente por ser nai en 2018 para non perder a oportunidade de ser avaliada este ano e poder presentarse á convocatoria de 2019.

As e os 34 investigadores afectados son: 

Da USC: o Dr. José Balsa Barreiro, a Dra. Rebeca Blanco Rotea, a Dra. Patricia Calvo González, a Dra. Susana Cid Fernández, o Dr. Eudald Cortina Orero, o Dr. José M. Costa García, o Dr. Javier Dubert Pérez, a Dra. Nuria Ferreiro Domínguez, o Dr. Alfonso Iglesias Amorín, a Dra. Elena Lendoiro Belío, o Dr. Iván López Moreira, a Dra. Cristiana Filipa Cazapal Monteiro, o Dr. Adrián Regos Sanz, a Dra. Mar Sobral, o Dr. José Suárez Otero, o Dr. José Manuel Costa García, a Dra. Zulema Varela Río e o Dr. Iván Villarmea Álvarez.

Da Uvigo: a Dra. María Alonso Alonso, a Dra. María Salomé Álvarez Álvarez, a Dra. Lucía Díaz Vilariño, a Dra. María Figueiredo González, a Dra. Ángela Fontán Bouzas, o Dr. Alejandro Gómez Yepes, o Dr. Hugo López Fernández, a Dra. Marta Marín Luna, o Dr. Anxo Mena Rodríguez, o Dr. Alfonso Pita Bugallo, a Dra. Patricia Reboredo Rodríguez e a Dra. Inés Viana González.

Da UDC: a Dra. Teresa Martínez Cortés, o Dr. Haris Nalakath Abubackar, a Dra. Eva Parga Dans, a Dra. Vanessa Valdiglesias García e o Dr. Javier Veloso Freire.