Retraso na convocatoria de axudas

A Xunta manda ao desemprego durante cinco meses investigadoras da Galiza

Laboratorio [Imaxe Pixabay]

Un retraso na convocatoria das bolsas posdoutourais por parte da Xunta de Galiza provocará o envío ao desemprego de investigadoras e investigadores das tres universidades galegas co inconveniente engadido de non teren certeza de se volverán renovar o seu contrato.

Investigadoras e investigadores das tres universidades galegas irán ao desemprego nos vindeiros días. Algunhas farano a vindeira segunda feira, pois este 29 de xuño rematan o seu contrato e un retraso organizativo da Xunta de Galiza fai que a vindeira convocatoria contractual non estea operativa até dentro de mínimo cinco meses.

A Xunta oferta cada ano dúas modalidades de bolsas posdoutorais. A denominada como modalidade A conta con tres anos de contrato nos que durante os dous primeiros a investigadora ou investigador realiza o seu traballo nunha institución estranxeira, mentres que no terceiro e último curso retorna a Galiza para continuar o seu labor nunha universidade ou centro de investigación da terra.

Após facer eses tres debe pasar unha avaliación que a permitirá optar á modalidade B coa que pode seguir investigando durante dous anos máis.

A Xunta leva convocando estas dúas modalidades de bolsas nos últimos anos de maneira que os contratos entre ambas A e B solapábanse habitualmente ou ficaban como moito cun par de semanas de separación entre ambas, mais sempre coa seguranza de que a investigadora ou investigador sabía se ía entrar na modalidade B, é dicir que non ficaba no desemprego sen expectativas.

Este ano a Xunta retrasou a convocatoria B e moitas investigadoras e investigadores rematan este 29 de xuño o seu contrato A e non saberán se van entrar na seguinte modalidade como mínimo até o 15 de novembro. Isto implica que ficarán no desemprego durante máis de 5 meses sen nin sequera saber se van contar cun contrato após ese tempo.

O máis alarmante é que non se trata dun problema de cartos, senón de organización e mala xestión, pois a modalidade B estaba xa orzada na anterior convocatoria. Unha problemática que ademais atenta contra do espírito da propia convocatoria que enfatiza a necesidade de que a persoa investigadora conte con continuidade no seu labor.

A deputada do BNG Olalla Rodil preguntou en sede parlamentaria á conselleira de Educación da Xunta de Galiza, Carme Pomar, sobre o financiamento universitario e destacou unha “precariedade insostíbel” en referencia a esta problemática, poñendo de relevo que  a convocatoria posdoutoural deste ano vai deixar no limbo durante 5 meses as investigadoras e investigadores e penalizará aquelas persoas que se acolleron a unha baixa por maternidade ou paternidade. De feito, o contrato permitía nas anteriores convocatorias escoller entre prorrogalo o tempo que se collese a baixa ou ben agardar até a convocatoria seguinte para presentarse. Porén na nova convocatoria elimínase a primeira opción e as persoas que estean neses casos han de presentarse á convocatoria do ano que vén, o que implica ter parada un curso enteiro a carreira investigadora.