Os certificados médicos de defunción apontan a máis mortes na Galiza por Covid que as recoñecidas oficialmente

Os falecementos aumentaron exponencialmente a causa da COVID-19 (Foto: Europa Press)

Entre marzo e maio houbo 643 falecementos mentres que Sanidade indicaba 619 para toda a primeira vaga de coronavirus (marzo-xuño).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) rexistra unha cifra de mortes en Galiza con coronavirus maior que a que contemplan os datos oficiais, xa que só entre marzo e maio hai 643 defuncións identificadas -máis que os 619 falecidos notificados pola Consellería de Sanidade en toda a primeira vaga-, ás que suman outras 76 sospeitosas.

Segundo explica o INE na súa metodoloxía desta estatística publicada esta quinta feira, os datos están elaborados con base aos certificados médicos de defunción.

Así, aplícanse as normas da Organización Mundial da Saúde (OMS) de forma que os falecidos con coronavirus son aqueles nos que se identificou que esa persoa tiña a patoloxía.

Mentres, a categoría de sospeitoso refírese a defuncións nas que non se puido identificar o virus, "pero nas que o médico sospeitaba que o podía ter ao mostrar síntomas compatíbeis coa enfermidade".

Os datos oficiais ofrecidos por Sanidade fixa en 619 os mortos con coronavirus rexistrados na Galiza na primeira vaga entre marzo e o 10 de xuño. Posteriormente, Galiza estivo case dous meses sen falecidos.

Pola súa banda, segundo o INE, a taxa bruta de falecidos con Covid na Galiza por cada 100.000 habitantes atópase en 23,8 até maio, unha cifra moi por baixo da media española, do 68,8.