Covid: Sanidade xustifica o baile de cifras das vítimas polas diferenzas ao contabilizar

Realización de probas da Covid-19 en Vigo. (Foto: Sergas)
Os certificados nos que basea as estatísticas o INE indican que houbo máis defuncións das que ten comunicado a Xunta. O Goberno galego asegura que seguen as pautas estabelecidas polo Ministerio de Sanidade para facer os cálculos.

A Consellaría de Sanidade saíu a dar explicacións esta quinta feira despois de que se puxesen en dúbida as súas estatísticas de vítimas da Covid-19 en Galiza. Fontes do departamento que dirixe Julio García Comesaña aseguraron que os números non son os mesmos que os do Instituto Nacional de Estatística (INE) porque só contan os falecementos que antes tiñan unha PCR positiva e no global téñense en conta os certificados de defunción.

Tal e como publicaba Nós Diario esta mañá, o INE fornece unha cifra de óbitos no país maior que a que contemplan os datos oficiais do Goberno galego, xa que só entre marzo e maio hai 643 decesos identificados -máis que os 619 finados notificados por Sanidade en toda a primeira onda da pandemia-, ás que suman outras 76 sospeitosas.

Vistas as dúbidas, a consellaría quixo indicar como suma as vítimas e incidiu en que o fai seguindo a fórmula fixada polo Ministerio de Sanidade para a recompilación xeral de todos os datos. Isto supón que os equipos médicos da Galiza "só validan" na aplicación informática que teñen ao seu dispor casos de morte de persoas que xa tiñan PCR positiva por coronavirus.

A metodoloxía do INE, por contra, contabilizaría os certificados médicos de defunción, nos que van os positivos confirmados e os casos sospeitosos.

Desta forma está a aplicar a norma da Organización Mundial da Saúde (OMS) pola que as vítimas do virus son aquelas nas que se identificou que as persoas tiñan a patoloxía. "A categoría de sospeitoso refírese a defuncións nas que non se puido identificar o virus, pero nas que o médico sospeitaba que o podía ter ao mostrar síntomas compatibles coa enfermidade", aclárase.

Nestes dous supostos, dun lado o do INE e doutro o da Xunta, a diferenza nos datos deberíase a que os balances sanitarios só teñen en conta doentes que foran diagnosticados de Covid-19 antes do seu pasamento.

"Depurar os datos (en tempo real) é moi complicado cando o groso dos falecementos son de maiores con múltiples enfermidades", indicou o presidente do INE, Juan Manuel Rodríguez Po, nunha entrevista na televisión para precisar que neste tipo de conxuntura o médico ten que decidir cal é a causa principal do deceso.