Industria súmase ao rexeitamento do macroproxecto eólico na Limia

A Chaira da Limia, unha das zonas que se verían prexudicadas (Foto: Stop Eólicos).
O escrito de consideracións da Xunta da Galiza no período de consultas que abriu o Miteco subliña que a Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico na Galiza determina que "non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico" da Galiza.

A Consellaría de Economía, Industria e Innovación vén de emitir a finais de outubro dous informes desfavorábeis a tres dos proxectos, así como á liña de evacuación, que conforman o macrocomplexo eólico denominado Clúster A Limia, que remitiu documentos iniciais ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) para a “instalación de 49 aeroxeradores de 240 metros de altura e unha Liña de Alta Tensión de 96 quilómetros que atravesaría 18 concellos entre Castrelo do Val e Castrelo do Miño”, segundo indican desde a Plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova.

O escrito de consideracións da Xunta da Galiza no período de consultas que abriu o Miteco subliña que a Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico na Galiza determina que “non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico” da Galiza.

A Consellaría de Economía, Industria e Innovación sinala que unha parte das poligonais dos proxectos de parque eólico A Limia-Altos de Verín e o parque A Limia-Sarreaus “atópase emprazada fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) incluídas dentro do Plan”.

A respecto da Liña de Alta Tensión para a evacuación da produción do macrocomplexo, informa de que non garda as distancias mínimas e afecta outros proxectos eólicos en tramitación, ademais, indica que no caso do parque A Limia-Altos de Verín “afecta a área de protección de turbeiras”.

A Xunta informa desfavorabelmente tanto dos proxectos A Limia-Altos de Verín e A Limia-Sarreaus, como da liña de alta tensión, e anota que “dada a lonxitude da liña de evacuación, non se considera adecuada a súa execución [...] e considérase necesaria unha planificación racional e ordenada das infraestruturas de evacuación e as de transporte, baixo o principio de rede única e evitar unha rede paralela de evacuación”.

Outros informes

Informes similares xa serviron para frear outros procesos de tramitación de infraestruturas eólicas no Miteco, que se ocupa da xestión dos macropolígonos de máis de 50 megawatts de potencia.

Cabe sinalar, que o Plan Sectorial Eólico da Galiza non se someteu á avaliación ambiental estratéxica tal e como estabelece a Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental. Unha cuestión que está a debate esta mesma semana no Parlamento da Galiza. Os colectivos e plataformas veciñais veñen reclamando a revisión do plan ou a elaboración dun novo documento dadas as eivas do plan vixente.

Tamén cómpre sinalar que a ameaza dunha infraestrutura de semellantes dimensión como a que se tramita no Miteco provocou o debate nos plenos municipais de Xinzo de Limia (a raíz dunha moción conxunta do BNG e do PSdeG na cal se solicita unha moratoria eólica na Limia en canto non se reforme ou renove o plan eólico do país) e nos de Sarreaus e de Trasmiras, a proposta da plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova, que foi recollida polos representantes do BNG.

A plataforma tamén rexistrou moción neste sentido noutros concellos directamente ameazados pola liña de alta tensión, como Vilar de Barrio, Rairiz de Veiga, Sandiás e A Bola para a súa toma en consideración por parte das corporacións municipal co obxectivo de lograr unha resposta institucional á demanda de moratoria eólica e reformulación do plan sectorial.