Traballos da industria forestal estragan nove mámoas e dolmens en catro necrópoles dos Ancares

Mámoa danada na Campa do Gaiteiro (Navia de Suarna). Foto: Colectivo Patrimonio dos Ancares

Os feitos foron denunciados perante patrimonio por un colectivo da comarca, Patrimonio dos Ancares. Os danos afectan catro necrópoles existentes entre os concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada.

 

Mámoas destruídas totalmente pola acción de maquinaria pesada e outras seriamente afectadas ao se plantar eucaliptos riba delas ou mesmo chantarlles un poste de cemento no túmulo. Os traballos forestais que estes días se desenvolveron nos Ancares deixaron un importante regueiro de danos ao patrimonio, segundo o que o 'Colectivo Patrimonio dos Ancares’ vén de denunciar na administración.

 

Nove mámoas catalogadas, situadas nun espazo de menos de 10 Km entre o Alto do Restelo e Louxas (concellos de Navia de Suarna e Fonsagrada), sufriron estragos como consecuencia de traballos relacionados co eucalipto e o piñeiro. Os danos afectaron a catro necrópoles existentes nesa zona, onde se conservan 34 enterramentos do período Neolítico, como lembra Patrimonio dos Ancares.

 

Na necrópole de Pico do Guencio chantouse un poste de cemento enriba dunha enorme mámoa, ademais de furarlle a parte alta do túmulo. Na necrópole de Peredelo unha tala de piñeiros e transporte con maquinaria pesada danou outras tres mámoas, segundo refire o citado colectivo.

 

Ademais, dúas mámoas sufriron importantes danos na necrópole de Campa do Gaiteiro, resultando unha delas “practicamente arrasada” pola maquinaria pesada.

 

Por último, e na necrópole de Campa das Penas de Monterrío, estas tarefas danaron o dolmen de Ferreirúas, “única na comarca dos Ancares que conserva practicamente completa a cámara funeraria”, e deixaron dúas mámoas “destruídas totalmente” ao remover terra e pedras do túmulo e plantar eucaliptos.