“A administración olla para outro lado ante a destrución de xacementos pola industria do eucalipto”

Imaxe: Mariña Patrimonio

Falamos con Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio, un colectivo comprometido na defensa e posta en valor do acervo desta zona do norte do país. Acumulan ducias de denuncias polos danos causados en castros e xacementos por, sinalan, “a industria do eucalipto”. 

- O pasado mes de maio denunciabades un novo estrago nun castro, desta volta no da Rilleira, e atribuíadelo, máis unha vez, á industria do eucalipto. Xa non é unha novidade en vós facer denuncias deste tipo.

- Non é novidade, non, só o ano pasado, conxuntamente con Adega, presentamos 50 denuncias deste tipo.

- Caen en saco roto ou teñen algún tipo de percorrido?

- O volume de denuncias é demostrativo do que non fai a Xunta. Son consecuencia de que mira para outro lado e de que consinte este tipo de situacións.

- Chegastes a levar este tipo de denuncias contra a industria do eucalipto e os danos que xera nos xacementos a Bruxelas...

- Levamos, grazas a Lidia Senra [eurodeputada de AGEe] e no marco dunha comisión con representantes de diferentes sectores da cultura galega. Alí falamos con comisarios de patrimonio e expuxémoslle o que estaba a acontecer. Unha dinámica que tamén mantivemos aquí, como cando nos reunimos con representantes de grupos parlamentares. A destrución do patrimonio por mor do monocultivo de eucalipto é masiva, afecta a moitisimos xacementos arqueolóxicos...

- Algo que non é limitado á Mariña...

- Non, evidentemente, se ben nós centrámonos nesta zona. Temos a listaxe de fichas dos xacementos dos que a Xunta ten constancia na parte norte da provincia de Lugo, por volta duns 500. E sabemos que hai uns 250 que están con eucaliptos. Ademais, co avance do eucaliptos ‘nintens’, máis resistente, esta especie está a chegar a zonas onde antes non alcanzaba, zonas altas, que son onde hai moitos campos de mámoas, que están en serio perigo.

- Deses 500 xacementos dos que falabamos poderiamos cifrar en 70 os que se poden garantir que non se verán afectados por eucaliptos. Despois están os 250 que xa están afectados. Dos outros 250,  70 pódense salvar, que son os castros costeiros e urbanos, onde está prohibido plantar esta especie.

- Cal é o estado de saúde do patrimonio na comarca?

- Na Mariña hai moitos xacementos, algo que non é raro en toda Galiza mais hai xente que di que aquí hai un volume maior, quizás pola proximidade ao mar. Moitos están cubertos por eucaliptos, mais da época en que se plantaron a man, polo que non todos os xacementos teñen que estar destruídos. O problema é agora, cando tanto as novas plantacións como as cortas fanse empregando maquinaria pesada.

- Cales son os principais riscos para o patrimonio da Mariña?

- O risco principal é a industria do eucalipto.

- Tedes advertido tamén da necesidade de actuar para preservar e protexer xacementos perante os efectos de fenómenos naturais, como no caso do forno romano da praia das Catedrais, ameaqzado polos temporais

- O nivel do mar está a subir e iso afecta a nosa costa. Nós o que advertimos é que hai xacementos arqueolóxicos que, a medida que se van dando cada vez máis estes fenómenos, van desaparecer poloo que cómpre  intervir antes de que iso aconteza.

- No caso do forno da praia das Catedrais avisamos a Patrimonio de que aquilo estaba alí e que había moitos restos arqueolóxicos na contorna, que sería bo recollelos. No informe de Patrimonio afirmaban que non había restos arqueolóxicos. Entón fixemos unha campaña con Adega e outras asociacións para demandar que se escavase ese forno que ía desaparecer. Tardaron anos en facelo, e nese tempo perdeu moito material, mais finalmente fixérono por mor da presión popular. E atoparon miles de fragmentos de cerámica, víronse as estruturas do forno e documentouse. Un día de inverno virá un temporal que destruirá esa estrutura, seguro, mais polo menos fica documentada, rexistrada e púxose a salvo material arqueolóxico.

- O papel da administración non está a ser todo o dilixente e efectiva que debera, polo que se desprende das vosas denuncias e actuacións...

A administración, ou polo menos parte dela, na maioría dos casos é incompetente e fai as cousas mal. Nas destrucións de xacementos pola industria do eucalipto, cada vez que lles comunicamos ou denunciamos un caso, miran para outro lado e non interveñen. Será polo poder que ten esa industria mais a pesar da gravidade dos danos que ocasiona, non pasa nada. E iso que a propia Xunta nos informes recoñece danos graves mais despois son incapaces de actuar e acaban arquivando todo e legalizando as actuacións, actuacións que son claramente ilegais.

- Nas últimas décadas houbo unha evolución na sociedade a respecto do seu patrimonio, aumentando o interese por el e a concienciación a respecto da súa problemática. Notades isto tamén na zona da Mariña?

- Déronse grandes avances. Unha das nosas tarefas é a de divulgar, dar a coñecer o patrimonio e a súa importancia. A través de conferencias, de roteiros, de visitas... e a resposta é moi boa. Estes días tivemos unha charla en San Miguel de Reinante (Barreiros) á que asistiron máis de cen veciños. Falabamos da praia de Arealonga, onde hai unha turbeira. Cando hai un temporal, as correntes sacan a area e debaixo da area... hai un bosque! Un bosque de verdade, vense os troncos dos árbores e incluso en ocasións poden verse as follas. É un bosque fosilizado. Isto haino en varias partes de Europa  mais a de Reinante ten unha peculiaridade: aparece fauna. Algo que só hai noutro caso, nas Illas Británicas. Hai restos de cervos, de cabalos... O avance do mar está a desfacer esta turbeira e hai unha serie de veciños que recollen os osos dese bosque fosilizado para levarllos a unha paleontóloga que está a estudar este tema. Algúns dos restos teñen unha antigüidade de 4.000 anos.

Pois ben, nesta turbeira tan importante e única en Europa, o concello de Barreiros dedícase no comezo de verán a meter paleadoras para ‘adecentar’ a praia para os turistas, o que é unha auténtica animalada.