Piden o amparo da Unesco para frear a destrución de patrimonio galego pola industria do eucalipto

Adega e Mariña Patrimonio documentaron ultimamente corenta xacementos afectados só no norte de Lugo, presentado as correspondentes denuncias. “Son só unha pequeña mostra, a punta do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos”

Adega e Mariña Patrimonio anunciaron esta cuarta feira que pedirán o amparo da UNESCO, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, para “frear a destrución masiva dos bens arqueolóxicos galegos pola industria eucaliptal e a inoperancia da Xunta”. Estes dous colectivos veñen de presentar 40 novas denuncias por danos ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores derivados da explotación forestal do eucalipto (plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada...) no norte da provincia de Lugo. “É unha área intensamente eucaliptizada, levamos documentado e presentado nos últimos 5 anos un total de 56 denuncias”. Entre estes últimos 40 xacementos afectados figuran 2 abrigos paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, 1 xacemento medieval e 2 de idade indeterminada.

Inciden Adega e Mariña patrimonio en que boa parte dos xacementos arqueolóxicos desta área xeográfica (uns 500), poden estar afectados nalgunha medida polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto.   

Punta do iceberg

“Son só unha pequena mostra, a punta do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos submetidos á ditadura do eucalipto”, afirman, e alertan da magnitude da afección patrimonial (“con danos por veces irreparábeis sobre o ben, chegando mesmo até a desaparición do xacemento”).

As responsabilidades destas desfeitas distribúense, na opinión de Adega e MariñaPatrimonio, a "partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta de Galiza". A primeira, por actuar “irresponsabelmente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE”.  No que atinxe á Xunta, a súa responsabilidade “é quizáis maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixianza e control dun valiosísimo patrimonio público”.