Incremento de forestación de terras agrarias e contaminación de auga e aire: as preocupacións da DOP Arzúa-Ulloa sobre o proxecto de Altri

Queixo da DOP Arzúa-Ulloa. (Foto: Xunta da Galiza)

A información “cambiante” sobre o proxecto desde a súa presentación inicial causa no Consello Regulador da DOP “dúbidas razoábeis”

O Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa manifestou esta cuarta feira a súa “preocupación” polo posíbel impacto que a futura celulosa de Altri-Greenfiber poida chegar “no seu territorio”.

Nun comunicado público, indican que “os Consellos Reguladores teñen unha obriga legal de velar polo prestixio das denominacións de calidade e polo desenvolvemento sustentábel da zona de produción”, polo que o Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa estima que debe “achegar as súas consideracións”.

Aínda que non cuestiona que se vaia “cumprir toda a lexislación aplicábel”, recoñecen que a información “cambiante” sobre o proxecto desde a súa presentación inicial, e mesmo nas últimas semanas, “causa dúbidas razoábeis sobre varios aspectos que poden influír no sector agro-gandeiro da contorna” e, polo tanto, na denominación de orixe protexida.

Máis aló do xa manifestado por diversos colectivos sobre aspectos como o excesivo consumo de auga, o impacto sobre a fauna e flora locais ou sobre o propio Camiño Francés, a preocupación directa do Consello Regulador pode resumirse en dous puntos: “o máis que posíbel incremento da forestación de terras agrarias e a contaminación das augas e do aire”.

“O cultivo actual de eucalipto na Galiza non é abondo para o abastecemento de dúas celulosas”, considera o Consello Regulador. E, posto que o proxecto de Altri foi cualificado como “estratéxico”, podería haber un “risco real” de que se permita nun futuro próximo a forestación de terras que actualmente producen pastos para as vacas das explotacións leiteiras. “Agravaríase así o problema da pouca base territorial das gandarías, o que repercutiría negativamente na necesidade de produción de forraxes e do propio pastoreo das vacas que producen o leite co que se elabora o queixo DOP Arzúa-Ulloa”.

Con respecto á posíbel contaminación, e máis aló dos “cálculos xa coñecidos sobre o impacto nas augas e no río Ulla”, o Consello Regulador mostra a súa preocupación pola repercusión na atmosfera. “O propio proxecto publicado fala de que se van emitir ao aire, entre outros contaminantes, óxidos de xofre, os cales son produtores de chuvia ácida cando se combinan coa humidade do aire. É evidente que iso vai afectar os cultivos da contorna, tanto os da alimentación humana coma a dos animais de granxa, o que tamén está relacionado co punto anterior”.

“Por todo o exposto, desexamos deixar constancia da nosa preocupación pola repercusión que este proxecto poida ter sobre a produción de leite no territorio da DOP”, conclúe o comunicado do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa.