Unha incidencia provoca novos atrasos na liña de tren A Coruña-Ourense

Trens afectados con saída desde a estación de Ourense. (Foto: @Nopy99 / Twitter)
Varios trens afectados a primeira hora desta segunda feira por mor dunha incidencia na infraestrutura que Adif deu por solventada ás 7.25 horas.

Unha "incidencia na infraestrutura" foi a causa de numerosos atrasos nos trens da liña A Coruña-Ourense que partían a primeira hora desta segunda feira, segundo informou Adif contra as 7.05 horas. Vinte minutos despois, o administrador das instalacións ferroviarias daba por resolto o incidente.

En concreto, Renfe informou nas súas redes sociais de que por mor desta cuestión dous trens Avant non puideron partir e tiveron que percorrer por estrada o treito Santiago-Ourense: o 09051, con saída prevista ás 5.08 horas da Coruña en dirección Ourense, e o 09470, que debía iniciar o traxecto na cidade das Burgas ás 6.45 horas no sentido oposto.

Mais non foron estes os únicos trens que sufriron atrasos no inicio desta nova semana. O Avant 09480 das 7.55 horas en dirección Santiago e mais o primeiro AVE a Madrid do día, o das 6.30h (tren 04054), tampouco saíron en hora.

E en autobús tivo que circular tamén a pasaxe ourensá dos trens 00621, das 9.26 horas, en dirección Barcelona-Sants, e 37621, previsto para a mesma hora, en dirección León.

Aliás, segundo advertiu a plataforma de persoas usuarias da liña ferroviaria de Media Distancia, o tren MD 09072 con saída ás 6.40 horas de Vigo-Urzaiz e chegada prevista ás 8.13h á Coruña ficou retido algúns minutos en Compostela antes de reanudar a marcha, polo que tampouco puido chegar en hora.

Desde a plataforma lamentaron a "enésima avaría" nunha liña e unhas frecuencias moi utilizadas por estudantes e persoas traballadoras: "Hai traballadores en Santiago de Compostela sen alternativa para seguir a Ourense nin para regresar á Coruña até dentro dunha ou dúas horas. E persoas con orixe Ourense, á expectativa. Anulan? Esperan?", manifestaron a través das súas redes sociais.