Unha avaría nun tren que se dirixía a Vigo deixa centos de persoas amoreadas en Arcade durante unha hora

Centos de persoas amoreadas na estación de Arcade, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
Partiu ás 7 horas da Coruña e os pasaxeiros tiveron que baixar no concello de Soutomaior.

O tren de Media Distancia que partiu ás 7 horas desta terza feira da estación da Coruña debería chegar a Vigo hai arredor dunha hora, contra as 8.33h. Porén, unha avaría mantívoo detido na parada de Arcade, en Soutomaior, até o momento de escribir estas liñas. Son centos as persoas afectadas por un novo atraso na liña ferroviaria do Eixo Atlántico.

Ao chegar a Arcade, o persoal de Renfe pediu ás e os pasaxeiros que baixasen do tren até novo aviso. "Estamos a 2 graos de temperatura e seguimos esperando que nos veñan buscar. Ían ser dez minutos e vai xa unha hora", sinalan a Nós Diario algunhas das pasaxeiras, que agora agardan a chegada dun novo tren para completaren o traxecto, afirman.

O das 7 horas da mañá é un dos trens máis empregados na liña A Coruña-Vigo ao ser o segundo que máis cedo parte da cidade herculina —após o Rexional das 5.35h— e o primeiro de Media Distancia —unha hora e media de duración fronte a máis de dúas no Rexional—. De feito, na web de Renfe pode comprobarse que xa non quedan billetes dispoñíbeis para o desta cuarta feira.

Fontes de Renfe consultadas por este xornal confirman que se tratou dunha avaría técnica no pantógrafo e que como "plan alternativo de viaxe" optouse por facilitar ás persoas viaxeiras un transbordo ao tren 09083. "O atraso é de 50 minutos", aseguran. Este era o seguinte tren que facía o percorrido A Coruña-Vigo e só puido recoller a metade da pasaxe. Unha vez en Urzaiz, regresou a Arcade para recoller o resto.

Pasaxeiros denuncian "atrasos xeneralizados"

Pola súa parte, desde a plataforma de persoas usuarias da liña do Eixo Atlántico e mais A Coruña-Ourense apuntaron, após ter coñecemento destes feitos, de que actualmente carecen de "rexistros precisos de chegada, información en tempo real para organizarnos ou planificación básica de xestión para estas continxencias diarias". Os danos, aseguraron, "son múltiples, pero nas horas punta agrávanse".

De feito, Renfe admite atrasos nos tres primeiros trens de Media Distancia que circulan esta terza feira polo Eixo Atlántico en dirección a Vigo-Urzaiz, así como nos dous Alvia seguintes procedentes de Madrid e en todos os que debían chegar á Coruña entre as 7 e as 9.20 horas desde Ferrol, Ourense e Vigo. Uns atrasos "xeneralizados" que cuestiona a plataforma.