Varios incendios manteñen en alerta diversos puntos da Galiza
A Consellaría do Medio Rural informou esta terza feira dun incendio forestal activo en Arbo (A Paradanta), na parroquia homónima, que pon en risco vivendas, polo que se decretou a 'Situación 2' como medida preventiva. En concreto, esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do fogo aos núcleos de poboación de O Pedreiro e O Urzal. O incendio iniciouse ás 18.23 horas de onte e afecta unha superficie mínima de oito hectáreas.
Cercedo-Cotobade
Por outra parte, o Concello de Cerdedo-Cotobade (comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e Pontevedra) informou de que dous incendios obrigaron a desaloxar uns 30 veciños e veciñas de cinco vivendas. Nun comunicado, indicou que estes fogos iniciáronse no lugar da Longa, en Sacos, e no lugar de Covas, en Tenorio.
"A situación máis complexa viviuse en Covas, onde o lume calcinou aproximadamente seis hectáreas e obrigou ao desaloxo preventivo de cinco vivendas e ao redor de 30 veciños, co obxectivo de garantir a súa seguridade ante o avance do lume e o forte vento que complicou as tarefas de extinción", relatou o consistorio. Ás 18 horas, informaba de que o incendio de Covas estaba controlado e o da Longa extinguido.
Meaño e Salvaterra
A Consellaría tamén informou dun incendio activo en Meaño (O Salnés) que afectaba xa unha superficie dun mínimo de 40 hectáreas. Segundo trasladou, o fogo iniciouse ás 00.11 horas na parroquia de Xil e permanecía activo.
Outros dous incendios en Camariñas (Terra de Soneira) e Sanxenxo (O Salnés) afectaron á circulación, aínda que fonte oficiais ratificaron que as situacións quedaran normalizadas. Ademais, o fogo de Salvaterra de Miño, en Pesqueiras, que afectou un mínimo de 30 hectáreas esta segunda feira e obrigou a activar a Situación 2, xa foi estabilizado.
En Gondomar (comarca de Vigo) quedou controlado un fogo en Vincios. Esta terza feira seguían tres incendios activos en Quiroga, Carballedo (comarca de Chantada) e Carballeda de Avia (O Ribeiro), aínda sen cálculos de superficie queimada. Estabilizado quedou sobre as 16.20 horas outro en Vilardevós (comarca de Verín).
Lindoso e Vilafranca
A situación no Parque Nacional da Peneda-Gerês, polo incendio de Lindoso, en Ponte da Barca (Portugal), segue a ser crítica debido a un fogo que leva activo desde o sábado pola noite, queimou máis de 3.000 hectáreas e segue a ser visíbel desde A Baixa Limia. Ademais, o fogo que comezou esta segunda feira en Vilafranca do Bierzo aínda mantén o nivel 1 de perigo, mais sen evacuacións.
O Ministerio decreta nivel de risco alto e medio por calor
O Ministerio de Sanidade decretou nivel de risco alto e medio nos próximos días ante as elevadas máximas de até 35 graos nas zonas das Rías Baixas e do Miño. A previsión para os próximos tres días é de risco alto para este terza feira e para a xornada desta quinta feira, e de risco medio para esta cuarta feira, 30 de xullo.