Os incendios do verán na Galiza levan arrasadas xa máis de 4.000 hectáreas, máis que en todo 2024
O incendio sen control de Chandrexa xa supera as 1.000 hectáreas queimadas.
Os incendios do verán na Galiza queimaron até este 11 de agosto máis de 4.000 hectáreas, co principal fogo en Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), o cal calcina xa 1.600 hectáreas e segue sen control, con datos provisionais da Consellaría do Medio Rural. Esta superficie é superior ao ardido en todo 2024, cando foron 2.644,70 hectáreas, un dos anos con menor terreo calcinado na última década.
Precisamente, o alcalde de Chandrexa, Francisco Rodríguez, relata a Europa Press, pasadas as 14.00 horas desta segunda feira, que a situación está "moi complicada" debido a que hai "moito vento". Aínda que apunta a unha lixeira melloría respecto á mañá, advirte de que non hai previsión de cando se poderá controlar este incendio iniciado a pasada sexta feira na parroquia de Requeixo ante "unha meteoroloxía tan mala".
Aclara que non hai casas en risco, pois di que "non hai que alarmar", pero existe especial "previsión polo que poida pasar" nos lugares de Taboazas, Senra e A Espasa. Nas tarefas de extinción participaron 12 helicópteros e 10 avións, entre outros.
Até a data, os incendios de maior magnitude este verán na Galiza en Chandrexa (1.600 hectáreas); Vilardevós (comarca de Verín), extinguido tras queimar 578,7 hectáreas e que puxo en risco vivendas; e Maceda (Allariz-Maceda), estabilizado desde a noite do domingo con 400 hectáreas calcinadas e no que resultou ferido un brigadista por queimaduras nunha perna e un glúteo.
Pola súa parte, o municipio de Ponteceso (Bergantiños) sufriu media ducia de incendios en varios días durante o inicio de agosto, cos de Cospindo (245 hectáreas) e Brantuas (200 hectáreas) como os peores. Este municipio sufriu desaloxos como os de Corme Aldea.
A Caniza (A Paradanta), parroquia do Couto (295 hectáreas); Vilariño de Conso (comarca de Viana), parroquia de Mormentelos (180 hectáreas); e A Fonsagrada (comarca homónima), Monteseiro (150 hectáreas) son outros dos de maior superficie deste verán por encima das 100.
Precisamente, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou nas últimas horas que detrás da "inmensa maioría" dos incendios orixinados na Galiza este verán están "persoas que os provocan", aínda que a calor agrave os fogos e complique a súa extinción.
