O incendio sen control de Chandrexa xa supera as 1.000 hectáreas queimadas
A Xunta dá por estabilizado o fogo no Parque Natural Fragas do Eume.
A Consellaría de Medio Rural vén de informar da situación dos incendios forestais na Galiza ás 9 horas desta segunda feira. O máis grave segue a ser o de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), que continúa activo desde as 15.51 horas da sexta feira na parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 1.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, até o momento, 12 técnicos, 40 axentes, 66 brigadas, 34 motobombas, 6 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 10 avións.
Desde as 20.28 horas do domingo está estabilizado o incendio do concello de Monfero (O Eume), parroquia de Queixeiro, que se iniciou o domingo ás 17.01 horas e que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 5 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 9 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.
Medio Rural di que está controlado desde as 14.42 horas do domingo o incendio forestal do concello da Fonsagrada (comarca homónima), parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas da terza feira e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas.
Continúa activo o fogo en Vilariño de Conso (comarca de Viana), parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais da Xunta da Galiza rolda as 120 hectáreas de superficie afectada.
Desactivada Situación 2
Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo o incendio do Concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 400 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade, informa medio Rural. Neste fogo xa foi desactivada onte a Situación 2, que fora declarada na madrugada do domingo pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira.
Permanece controlado, desde as 01.23 horas de onte domingo, o incendio que afecta o concello de Padrenda (Terra de Celanova), parroquia homónima, que se iniciou a sexta feira ás 22.03 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas.
Ademais, está estabilizado desde as 22.10 horas do domingo o incendio forestal do concello da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), parroquia de Souto, que se iniciou o domingo ás 12.37 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada.
A Consellaría do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085
