Os incendios do Courel e Valdeorras, os máis grandes da historia da Galiza, oficialmente extintos

Efectos do lume en Valdeorras. (Foto: Nós Diario)
O terceiro gran incendio desta vaga, que afecta o concello de Vilariño de Conso, quedou por controlado esta quinta feira.

Os dous maiores incendios da historia da Galiza desde que hai rexistros, que arrasaron 11.100 hectáreas no Courel e 10.500 en Valdeorras, quedaron oficialmente extinguidos esta quinta feira segundo a Consellaría de Medio Rural.

Ambos incendios formaban parte da vaga de lumes que comezou no país hai dúas semanas e que arrasou unhas 33.000 hectáreas segundo a Xunta, ou máis de 37.000 segundo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS).

Medio Rural deu por extinto ás 19.12 horas de hoxe o incendio que afectou os concellos do Barco, Carballeda de Valdeorras e Rubiá, arrasando varios núcleos rurais de poboación e gran parte do Parque Natural da Serra da Enciña de Lastra.

No caso do lume que calcinou milleiros de hectáreas de terreo forestal no Courel, o Goberno galego tamén notificou a súa extinción a primeira hora desta quinta feira.

Outros incendios

En canto ao resto de lumes rexistrados na Galiza, Medio Rural deu por controlado o terceiro gran incendio forestal desta vaga, o do concello de Vilariño de Conso, que afecta o Parque Natural de Invernadoiro e queimou xa 6.500 hectáreas.

Aliás, as autoridades tamén dan por estabilizado, desde as 19,34 horas, aínda que sen controlar, o incendio declarado na tarde onte no concello de Castrelo de Miño, con 200 hectáreas calcinadas aproximadamente.

O que si está controlado é o da parroquia de Rebordaos, no concello do Saviñao, que queimou unhas 20 hectáreas.

Destes dous últimos, o conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou que se atoparan diversas probas que deixaban patente que foran intencionados. Os equipos de prevención e extinción de incendios acharon varios artefactos incendiarios en ambos concellos.