O incendio de Rianxo continúa activo mais “controlado” mentres xorden novos lumes noutros puntos de Galiza

Imaxe: A.L.

Mantense o nivel 2 de alerta no lume que calcinou máis de 850 hectáreas en Dodro e Rianxo. Co día, os medios aéreos volveron reforzar o traballo das brigadas en terra. Nas últimas horas producíronse novos incendios no Barco de Valdeorras, Chandrexa de Queixa ou Calvos de Randín, este afectando o Parque Natural do Xerés.

 

Continúan os incendios en Galiza en pleno mes de marzo. Se a principios de semana os principais focos estaban na contorna do Barbanza (Rianxo, Noia, Lousame), agora o foco está no interior, con lumes no Barco de Valdeorras, Chandrexa de Queixa e Calvos de Randín.

 

O incendio máis devastador, o de Dodro e Rianxo, que calcinou máis de 850 hectáreas, continúa activo máis en vías de estar controlado 36 horas despois do seu inicio, na tarde da segunda feira. Após unha noite de duro traballo dos efectivos en terra, coa luz do día volveron os medios aéreos. Mantense o nivel 2 de alerta. As lapas chegaron a estar moi perto das casas en núcleos da parroquia de Leiro. En Burés e Rianxiño, recomendouse saír das casas polo intenso fume, e evacuouse unha escola e o instituto. A media tarde desta terza feira o lume queimara máis de 850 hectáreas.

 

Novos incendios

 

Nestas horas tamén estaba activo no Barco de Valdeorras un lume que levou perigo ás casas, con dous focos nas parroquias de Santigoso e Santa Mariña. Outro lume declarábase na veciña localidade de Vilamartín de Valdeorras, na parroquia de Valencia do Sil.

 

Hai tamén activo un incendio en Chandrexa de Queixa, parroquia de Parada Seca, que segundo as primeiras estimacións supera as 20 hectáreas. E tamén lume en Calvos de Randín, que entrou dende Portugal, afecta o Parque Natural do Xurés. Última estimación de superficie, máis de 20 hectáreas queimadas.