O incendio de Maceda, que obrigou a desaloxar varias casas durante horas, avanza sen control e xa arrasa 400 hectáreas
O incendio de Maceda (Allariz-Maceda), iniciado na noite do sábado, avanza sen control e queima 400 hectáreas, segundo as estimacións provisionais do Goberno municipal, que ve "clara intencionalidade" nel. O fogo supuxo durante a madrugada un perigo para vivendas próximas, que, aínda que xa non existe, obrigou os veciños e as veciñas a evacuar as súas casas durante varias horas.
A alcaldesa, Uxía Oviedo, destaca que, uns minutos despois de declararse o incendio ás 23.19 horas, deuse aviso ao 112 e efectivos municipais do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) acudiron inmediatamente ao lugar no que se orixinou o fogo, no monte de Santa Baia de Castro de Escuadro. A rexedora mesmo sitúa a superficie actualmente afectada en 400 hectáreas.
Nese primeiro momento, o núcleo da aldea da Teixeira "corría perigo", polo que se procedeu a desaloxar os veciños e as veciñas, que, antes da chegada dos efectivos, decidiron pola súa propia conta abandonar as súas vivendas. "En realidade, saíron polo seu propio pé, pero non podían volver ás súas casas", explica a rexedora.
Por este motivo, como medida preventiva pola proximidade ás vivendas, activouse a Situación 2, que na mañá do domingo se desactivou. Así, un equipo do GES de Maceda encargouse de asegurar as casas e o gando. Sobre as 4 horas, os veciños e as veciñas puideron regresar aos seus fogares.
"Xa non hai perigo", apunta Oviedo, pero as perdas son dun "valor incalculábel", tanto polo aprecio emocional cara á serra de Maceda, na que avanza o incendio, como polo seu aproveitamento por parte das explotacións agrícolas e gandeiras que viven dela.
Entre outros efectivos, traballan na extinción catro helicópteros e dous avións, ademais da colaboración prestada polos efectivos municipais e a Garda Civil. Todos os medios operativos están en coordinación en Maceda, á vez que a rexedora está en "comunicación directa" co director territorial da Xunta da Galiza.
Posíbel intencionalidade
O incendio iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, segundo traslada a Consellaría do Medio Rural, que ve por este motivo unha "clara intencionalidade" nel. "Polas horas e por como se iniciou, todo apunta a iso", afirma a alcaldesa, que indica que aínda queda realizar a investigación para que "o asunto se esclareza".