Un incendio "intencionado" en Castrelo do Val arrasou 40 hectáreas pola noite

Incendio no concello de Castrelo do Val. (Foto: Nós Diario)
Aliás, permanecen activos dous lumes que afectan os concellos de Oímbra e Riós e que calcinaron 150 hectáreas.

Un incendio activo na parroquia de Campobecerros, no concello de Castrelo do Val, deixa polo de agora 40 hectáreas calcinadas. Un veciño do lugar que se puxo en contacto con Nós Diario denuncia que este foi "intencionado".

Segundo explica este veciño, o lume comezou pasadas as 22 horas, e en poucos minutos detectáronse varios focos ao longo dunha pista forestal lindeira co encoro de Portas.

Neste sentido, a Consellaría de Medio Rural tamén apunta que o incendio puido ser provocado. "Constatáronse varios focos de inicio, o que todo apunta a súa intencionalidade", detalla Medio Rural en Twitter.

Polo de agora descoñécense os efectivos desprazados até o lugar para colaborar nos labores de extinción das lapas.

Lumes en Oímbra e Riós

No día de onte tamén se notificaron dous novos incendios nos concellos de Oímbra e Riós, dous dos termos municipais máis afectados pola vaga de lumes que está a calcinar este verán a Galiza.

En concreto, o incendio de Oímbra, que tivo o seu punto de orixe na parroquia de Chás, arrasou xa unhas 70 hectáreas, segundo a última estimación de Medio Rural.

Pola súa parte, o lume rexistrado na parroquia de Fumaces e a Trepa, en Riós, deixa polo de agora 80 hectáreas calcinadas.

En canto ao incendio dos concellos de Laza e Chandrexa de Queixa, resultado da unión de dous focos orixinados nos municipios mencionados, segue a ser o lume activo máis grande no país, con 2.100 hectáreas. Porén, Medio Rural afirmou que está "practicamente perimetrado", polo que esta cifra de terreo ardido podería ser a definitiva mentres se avanza cara á súa estabilización.