VÍDEO NO INTERIOR

A primeira gran vaga de incendios do ano arrasa máis de 1.300 hectáreas, co de Baleira aínda activo e á cabeza

Bombeiros traballando na extinción do incendio de Baleira, na tarde desta cuarta feira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os fortes refachos de vento condicionan os labores de extinción. O fogo de Baleira calcinou 1.100 hectáreas.

*Información actualizada ás 10.55 horas

A calor e os fortes refachos de vento desencadearon a primeira gran vaga de incendios deste ano na Galiza. O principal foco, activo e sen control desde as 17.04 horas desta terza feira, é o que se orixinou en Baleira (comarca da Fonsagrada), nomeadamente na parroquia de Cubilledo. As chamas propagáronse nas últimas horas con forza; tanto, que contra as 22h desta cuarta feira a Consellaría do Medio Rural elevaba a 500 as hectáreas calcinadas, cifra que volveu incrementar só unha hora despois e que, segundo o último balance, con datos recollidos até as 8.14h de hoxe, ascende xa a 1.100 hectáreas.

Continou a primeira hora en vigor a alerta de nivel 2 declarada polo Goberno galego na tarde desta cuarta como "medida preventiva" pola proximidade do fogo ao núcleo habitado de Fórneas. Porén, foi desactivada contra as 10.24 horas, "ao remitir o perigo para os núcleos de poboación", informou Medio Rural. Segundo un testemuño recibido por Nós Diario, as chamas alcanzarían tamén o concello da Fonsagrada, capital da comarca, e o fume sería visíbel en Asturias. Varias aldeas tiveron que ser desaloxadas.

O forte vento que afecta a zona, con refachos de vento de até 70 quilómetros por hora e con dirección cambiante, condicionou o traballo dos equipos de extinción desde o seu inicio. Participan nos labores de extinción catro técnicos, 24 axentes, 41 brigadas, 23 motobombas, tres pas, unha unidade técnica de apoio, dous avións, tres helicópteros e membros da Unidade Militar de Emerxencias.

Avance das chamas durante a noite. (Foto: Cedida)

Outros incendios activos

Tamén continúa activo o lume que desde as 16.29 horas desta cuarta feira afecta a parroquia da Lagoa, en Alfoz (A Mariña), cunha afección aproximada de 90 hectáreas. No punto despregáronse seis axentes, catro brigadas e dúas motobombas.

Xa estabilizado, mais aínda activo, continúa o incendio de Vieiro (Viveiro, A Mariña), que até o de agora —e desde as 22.44h de onte— arrasou perto de 80 hectáreas. Para a súa extinción traballan un técnico, nove axentes, sete brigadas, catro motobombas e dúas pas.

Noutro fogo estabilizado, o de Xián (Taboada, comarca de Chantada), declarado ás 20.29h desta cuarta feira e que xa queimou unhas oito hectáreas, oepran un técnico, seis axentes, once brigadas, sete motobombas, unha pa, tres avións e outros tantos helicópteros. Deuse por controlado —mais non extinguido— esta mañá.

Fogos extinguidos

Finalmente, os bombeiros forestais lograron xa extinguir por completo os incendios de Venceáns (Entrimo, Baixa Limia), que calcinou 14 hectáreas de monte raso e afectou o parque natural da Baixa Limia-Xurés, e o de Covelo (Viana do Bolo, comarca de Viana), que levou por diante 70 hectáreas —30 de monte raso e 40 con árbores—.