Sánchez Izquierdo, director xeral do ente, investigado

'Imputan' a Dirección da CRTVG por acoso laboral a unha traballadora

Fragmento do documento de apertura de dilixencias emitido polo Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Entre os investigados atópase o director xeral, Sánchez Izquierdo. 

O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela vén de abrir dilixencias previas contra a Dirección da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) como "presuntos autores dun delito de acoso moral e dun delito contra os dereitos dos traballadores".

No documento de dilixencias, ao que tivo acceso Nós Diario, figuran como querelados Alfonso Sánchez Izquierdo, director da compañía de radiotelevisión pública; Xosé Pereira Fariña, director da área de Innovación e Negocio; Alejandro López Carballeira, subdirector de Xestión dos Servizos Informativos; Tania Fernández Lombao, xefa do Servizo de Xestión Operativa de Programas da Radio Galega; Paula Veloso Pereira, xefa do Servizo de Xestión de Persoas e Seguridade Social; Susana Fernández Veiguela, que fora directora de Recursos Humanos; Manuel Casás Macía, responsábel de Seguridade, Saúde e Protección; e Vitalina Cuña Palencia, coordinadora de persoal da Radio Galega.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento da Galiza o pasado maio. (Foto: Arxina)

A persoa traballadora "prexudicada" declarará nas dependencias do xulgado o día 28 de setembro de 2023 e, segundo dita o documento ao que tivo acceso este xornal, "para evitar a súa vitimización secundaria", declarará "acompañada pola psicóloga da Oficina de atención á vítima e mediante o sistema de videoconferencia". 

A esta profesional o xulgado tamén lle encomenda a emisión dun "informe de avaliación individual previsto no artigo 23 da Lei de Estatuto da vítima, especificando as medidas que deben ser adoptadas ao longo do procedemento xudicial para tentar minimizar", tamén, a súa vitimización secundaria. 

"Dano psíquico"

Igualmente, o documento de dilixencias previas emitido polo Xulgado de Instrución número 1 de Compostela solicita ao equipo psicosocial do Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) emita un informe sobre "se a querelante presenta dano psíquico compatíbel cos feitos denunciados". 

Pola súa parte, os querelados tamén terán que declarar, "en calidade de investigados", se ben “dita dilixencia sinalarase unha vez se practique a declaración da querelante”, isto é, após o 28 de setembro de 2023. Da mesma maneira, investigaranse os antecedentes penais dos querelados e a CRTVG terá que remitir “toda a documentación interesada” polo Xulgado. 

264 'Venres Negros'

Este procedemento coñécese precisamente cando veñen de facerse cinco anos da creación do colectivo Defende A Galega, que impulsa cada venres (e desde hai 264 semanas) os ‘Venres Negros’ cos que o persoal da compañía de radiotelevisión pública non só denuncian “abusos” por parte da dirección: “trato degradante, marxinación laboral, traslados forzosos de posto aos traballadores e traballadoras críticas”.  

Até cinco xornadas de folga tiveron lugar nos últimos meses na CRTVG para protestar contra este "clima laboral" –un ambiente que se reflicte no documento de dilixencias coñecido onte por Nós Diario–, unhas mobilizacións coas que o cadro de persoal fía a demanda de dereitos laborais á loita contra a manipulación e polo dereito a unha información veraz nos medios de comunicación públicos da Galiza. É unha realidade xa recollida en diversas resolucións xudiciais ao longo dos últimos anos: hai sentenzas contra a CRTVG por vulneración de dereito á folga, por incumprir a igualdade de xénero, a conciliación...  

O colectivo Defende A Galega tamén denuncia o incumprimento da Lei de medios, aprobada en 2011 e cos seus aspectos máis determinantes sen implementar: nin estatuto profesional, nin Consello de Informativos nin un director xeral elixido por maioría reforzada no Parlamento galego. De feito, o actual, o investigado Alfonso Sánchez Izquierdo, leva 14 anos no cargo, actualmente actuando como interino.