Impiden alegar a máis de 200 veciñas afectadas pola fábrica de Altri

Un dos predios de Agolada (Deza) afectadas polo proxecto de canalización de auga de Altri. (Foto: Nós Diario)
Solicitan a Augas da Galiza ampliar o período de exposición pública.

Veciñas e veciños de diferentes parroquias do concello de Agolada (Deza) cuxas terras se verán afectadas pola construción da fábrica de Altri veñen de denunciar que, logo de acudir en varias ocasións ao Concello, non puideron consultar o proxecto da pasteira remitido por Augas da Galiza ao Consistorio.

"O persoal municipal dinos sempre que a documentación tena o secretario do Concello e que non está", afirma un dos veciños afectados. Desde que o pasado 19 de decembro de 2023 Augas da Galiza remitiu aos concellos afectados o proxecto de instalación dunha fábrica de fibras téxtiles na Ulloa, foron varias as veciñas e veciños de Brocos, O Sexo ou a Baíña os que acudiron ao Concello en distintas ocasións sen poder consultalo. "O Goberno local teno secuestrado e non sabemos con que interese", denuncia a veciñanza.

En Agolada son 218 as predios afectados por este proxecto da canalización de auga que Altri quere sacar do encoro de Portodemouros –entre Arzúa (comarca homónima) e Vila de Cruces (Deza)– para levala até a planta que construirá en Palas de Rei (A Ulloa), nunha zona proposta de ampliación da Rede Natura, algo que, segundo teñen denunciado colectivos ecoloxistas como Adega, foi omitido expresamente no Estudo de Impacto Ambiental do proxecto. 

Precisamente, Altri escolleu Palas para aproveitar o caudal do río Ulla –a segunda conca galega máis extensa despois da do Miño– e así obter os perto de 500 millóns de metros cúbicos de auga que precisa ao ano. Isto é, o que consumiría a poboación de Palas (3.414 habitantes) en 3.200 anos, cun gasto diario de 125 litros por persoa.

Unha parte destes predios de Agolada, segundo denuncian as súas propietarias, poderían ser expropiadas, mentres noutros casos terían enriba unha servidume de até dez metros. "Todos estes predios teñen propietarios e propietarias, pero non podemos presentar alegacións porque o Concello de Agolada estanos a ocultar a información do proxecto", explican as propietarias.

O prazo de presentación destas alegacións remata o 28 de febreiro, e o Concello, cuxa Alcaldía ostenta Luís Calvo do Partido Anticorrupción e Xustiza (PAYJ), "coa súa actitude obstrucionista está a impedir que a veciñanza exerzamos os nosos dereitos". Mais o caso é "aínda é máis grave", segundo denuncia a veciñanza, que afirma que recibiron visitas do alcalde nos últimos días para trasladarlles que "o Concello non ten información algunha ao respecto e que non temos nada que facer, que nos van expropiar xa os predios".

Denuncia

Esta mesma sexta feira veciñanza de Agolada afectada polo proxecto puxeron a situación en coñecemento de Augas da Galiza, entidade pública empresarial dependente da Xunta da Galiza. A veciñanza expresou, nunha denuncia, "a necesidade de ampliar o prazo de exposición pública para garantir os dereitos da veciñanza que non puido acceder á información que lles garante a lei". 

As persoas afectadas presentaron tamén no rexistro municipal unha queixa polas "reiteradas desculpas" do Goberno local para non ofrecer á veciñanza "unha información que teñen a obriga legal de facilitar". Piden, ademais, un certificado asinado pola Secretaría do Concello que acredite que non hai exposición pública desta documentación, "co cal se está a incumprir a legalidade vixente anulando os dereitos de veciños e veciñas".