O ilustrador galego David Rubín renuncia a uns premios por non haber mulleres nominadas

O artista David Rubín vén de crear as viñetas de 'Cosmic detective' e vai presentar en decembro 'O lume'. (Foto: Manuel Barreiro)
"Toda esa ilusión e alegría que me invade por tal recoñecemento vese frustrada polo feito de ver que nas candidaturas non hai nin unha soa autora nomeada, algo que considero inxusto máxime lendo varias obras de autoras que poderían perfectamente optar a eles", subliñou Rubín nun texto publicado en Facebook.

O ilustrador ourensán David Rubín anunciou que renuncia a tres nomeamentos nos Premios da Crítica do editorial Dolmen porque non hai mulleres entre as finalistas nesas categorías (mellor obra, mellor guión e mellor debuxo).

O historietista anunciou a súa decisión nas súas redes sociais, onde agradeceu ao xurado dos premios que incluísen entre os nomeados a súa obra O lume, unha novela gráfica publicada en 2022 pola editorial Astiberri.

"Pero toda esa ilusión e alegría que me invade por tal recoñecemento vese frustrada polo feito de ver que nas candidaturas non hai nin unha soa autora nomeada, algo que considero inxusto máxime lendo varias obras de autoras que poderían perfectamente optar a eles", subliñou Rubín nun texto publicado en Facebook.

"Ir sacudindo prexuízos"

O creador de obras recoñecidas mundialmente como a saga O heroe ou Beowulf subliña que é momento de "ir sacudindo prexuízos e tendo claro que non é correcto deixar ao carón e invisibilizar o traballo de moitas autoras que nos últimos anos asinaron algunhas das melloras obras do cómic español".

Por iso, di que o sentimento de "contrariedade e amolo" que lle provoca o feito de non atopar mulleres entre os nomes dos finalistas "pesa" máis que "a ilusión" de que O lume sexa a obra con máis nomeamentos nestes premios que serán entregados no Salón do Cómic de Avilés.

"Sei que con esta decisión persoal non vou cambiar gran cousa o panorama, pero eu síntome mellor levándoa a cabo e sempre é un gran de area para seguir andando o camiño cara á igualdade", conclúe o ourensán.