A Illa de Arousa e as vilas costeiras terán que facer fronte á suba do nivel do mar

A suba do nivel do mar afectaría diversas zonas da costa galega que presentan unha baixa altitude, como a Illa de Arousa. (Foto: Turismo.gal)
O quentamento do mar inflúe nas rutas migratorias das especies.

A dúas semanas de que comece o cumio do clima número 27, que terá lugar entre o 6 e o 18 de novembro en Sharm el Sheij (Exipto), e na conmemoración do Día Internacional contra o Cambio Climático, Nós Diario conversa co doutor da Universidade de Santiago (USC) Dominic Royé e co presidente de Adega, Roi Cuba, para coñecer as consecuencias climatolóxicas no país.

No Estado español a temperatura ascendeu máis de 1,7 graos desde a época preindustrial, e só nos últimos 60 anos experimentou unha suba de 1,3 graos, advirte o experto ambientalista, investigador na USC e doutor en Bioclimatoloxía Dominic Royé. Explica a Nós Diario que o hemisferio norte estase a quentar moi rápido e que esa suba das temperaturas é un dos principais problemas do cambio climático.  

Nesta liña, o biólogo e presidente da asociación ecoloxista Adega, Roi Cuba, indica a este xornal que “o que máis nos preocupa é non cumprir co acordo de París”, que marcaba como obxectivo o mantemento do aumento da temperatura por debaixo dos 2 graos.

A partir dese límite “desencadearíase unha retroalimentación negativa que afectaría moitas especies, ecosistemas e mesmo ao modo de vida dos seres humanos”, alerta Cuba. O exceso de calor deste verán foi un exemplo de como o cambio climático pode afectar o benestar das persoas; “a saúde do ecosistema tamén está relacionada coa nosa propia saúde”, indica Dominic Royé.

Quentamento do mar

Na Galiza, a suba de temperaturas evidénciase no cambio do clima, que pasou de ser atlántico a presentar unhas características máis mediterráneas, segundo sostén Cuba. Isto afecta en gran medida os océanos, que tamén se volven máis cálidos. “O aumento do CO2 na atmosfera implica que o mar funcione como amortecedor” e que, consecuentemente, “cambie a súa composición química”, explica Cuba, quen engade que “a acumulación das altas temperaturas no océano é o efecto do cambio climático máis irreversíbel”.

Pola súa parte, Royé sostén que o quentamento do mar provoca que “os espazos onde se moven certas especies cambien” e que inflúa nas súas rutas migratorias. Así, as especies funcionan como indicadoras da situación dos mares. Desde hai anos están a chegar ás costas galegas peixes de augas tropicais así como as aves que se alimentan deles e que os acompañan, como os mascatos.

Paralelamente á aparición de novas especies, outras vense en risco de desaparecer. “Os cambios das condicións ambientais poden provocar que diversos microorganismos, como algunhas algas, se poidan perder”, como as diatomeas, presentes nas costas galegas e en todos os océanos do mundo, explica Cuba. Estas algas “son as que realizan unha maior fotosíntese de todo o planeta, máis que toda a vexetación presente na terra”, polo que a súa desaparición influiría nos ecosistemas e na cadea trófica. 

A suba da temperatura do mar tamén provoca un ascenso do seu nivel. “É unha cuestión moi complexa”, sostén Royé, dado que provocaría “o aumento da erosión nas costas, a modificación das praias, a presenza de ondas de maior tamaño, etc.”. O litoral galego conta con “zonas de costa de baixa altitude, como a Illa de Arousa, e preocúpanos que pasará con estas cidades”, engade Cuba.

Menos consumo de auga e máis alimentos de orixe local

Ante a situación de crise climática, Royé sostén que cómpre tomar “medidas transversais” implicando “todos os sectores” para evitar as peores consecuencias. Reducir o consumo de auga, apostar por unha vida máis sostíbel ou potenciar os alimentos de orixe local, son algunhas das cuestións máis necesarias. Con todo, Cuba indica que “o actual sistema capitalista non é compatíbel” con estes cambios nin cunha vida sa.