Os incendios acabaron coa cuberta vexetal dos castros e deixáronos desprotexidos

Os danos nas rochas a causa das chamas poñen os petróglifos en perigo.
Sendeiro arrasado polo incendio que afectou o concello de Folgoso de Courel e que percorre varios bens patrimoniais da zona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sendeiro arrasado polo incendio que afectou o concello de Folgoso de Courel e que percorre varios bens patrimoniais da zona. (Foto: Europa Press)

Os montes galegos acumularon este verán máis de 43.000 hectáreas calcinadas. Este dato supón que foi o peor ano de incendios desde 2006. Máis alá dos evidentes prexuízos para o sistema ecolóxico da Galiza, as chamas que cada tempada estival afectan os concellos galegos poñen en risco a preservación do patrimonio cultural e arqueolóxico do país.

Neste sentido, o director de Tempos Arqueólogos e divulgador Mario César Vila explica a Nós Diario que os incendios poden chegar a ter "efectos devastadores" nos distintos xacementos que abundan nos montes da Galiza. O experto leva desde a vaga de incendios de 2006 desenvolvendo diferentes avaliacións sobre eses efectos do lume no patrimonio.

Degradación da rocha

Para César Vila, o estado de abandono e de falta de limpeza dos montes e a excesiva proliferación de especies pirófitas como o eucalipto súmanse para crear unha situación de "polvoreira" que favorece a orixe de incendios. "Cando isto ocorre, mámoas, castros e petróglifos vense moi afectados polas chamas", explica o arqueólogo. Segundo detalla, dúas son as grandes consecuencias que afectan estes xacementos.

Por unha parte, "cando se produce a combustión, as altas temperaturas poden estralar as rochas nas que hai gravados, facéndoos desaparecer". Aliás, o lume elimina a cuberta vexetal de castros e mámoas, que serve de protección ante axentes externos como o vento ou a choiva. "Despois dos incendios, cando se producen as escorreduras, a auga golpea directamente contra esa rocha que xa non conta cunha cuberta protectora e degrádaa", salienta César Vila. Unha situación que, en moitos casos, provoca danos irreparábeis nos xacementos.

A estes bens patrimoniais arqueolóxicos cómpre sumar outros elementos, como ermidas, capelas, cruceiros ou petos de ánimas, que se atopan en zonas forestais e que poden verse afectadas ou mesmo desaparecer debido aos incendios.

Finalmente, o experto subliña que os propios labores de control e extinción dos incendios poden provocar estragos nos xacementos. A falta de planificación do monte galego fai que moitas veces as brigadas forestais actúen con maquinaria pesada en zonas nas que se atopan restos arqueolóxicos, afectándoos considerabelmente.

Ordenamento e sensibilización

Para Mario César Vila, a solución a esta problemática pasa por deseñar un bo plan de ordenamento do monte galego. "Pódese facer unha división como as das zonas industriais, nas que cada sector ten un obxectivo", detalla, co fin de evitar que os incendios se estendan sen control e arrasen patrimonio natural e arqueolóxico.

Ademais, propón que se leven a cabo campañas de sensibilización sobre os efectos do lume. "Organizar visitas de diferentes colectivos sociais a lugares e concellos afectados polos incendios sería unha boa medida", conclúe César Vila, que defende que as institucións deben desenvolver estas iniciativas para evitar que as chamas sexan un "mal endémico".

"Non hai que inventar nada, só actuar"

O arqueólogo Mario César Vila explica a Nós Diario que as medidas que se teñen que desenvolver para evitar os efectos dos incendios non requiren de grandes investimentos ou innovacións. "Non hai que inventar nada, só actuar", asegura, e cre que mentres non se traballe nun modelo de ordenamento diferente ao que actualmente impera na Galiza e no norte de Portugal, "o lume seguirá provocando cada vez máis danos".

Comentarios