A Igrexa recibiu máis de 500 denuncias de abusos en dous anos

O secretario xeral e portavoz da Conferencia Episcopal, Luis Argüello (Foto: Europa Press).
"Queremos que non haxa lobos que se disfracen de cordeiros e que non se poida dicir que a Igrexa é un lugar inseguro para os nenos", dixo o portavoz da Conferencia Episcopal Española, Luis Argüello.

A Igrexa Católica recibiu no conxunto do Estado español 506 denuncias sobre abusos sexuais nos dous primeiros anos desde que se puxeron en marcha as oficinas para a prevención de abusos a menores. Así o indicou esta sexta feira o secretario xeral e portavoz da Conferencia Episcopal Española (CEE), Luis Argüello, na rolda de prensa posterior á Comisión Permanente dos bispos españois.

En concreto, Argüello precisou que dos 506 casos, en 103 deles o acusado xa faleceu, aínda que asegurou que os casos se investigan aínda que o presunto agresor falecese ou mesmo se o caso prescribiu.

Precisamente, o portavoz dos bispos debullou que a maioría das denuncias, un total de 300, obedecen a asuntos ocorridos hai máis de 30 anos. Todas estas denuncias recibíronse a través das 202 oficinas abertas, 60 nas dioceses e o resto nas congregacións relixiosas. Refírense a sacerdotes, curas diocesanos e relixiosos. "Queremos apartar persoas que son indignas, que non haxa lobos que se disfracen de cordeiros e que non se poida dicir que a Igrexa é un lugar inseguro para os nenos", subliñou Argüello.

Comisión de investigación

A respecto da comisión aprobada esta quinta feira polo Congreso para investigar os abusos na Igrexa, o secretario xeral da CEE dixo que a institución ofrece a súa "leal colaboración" pero, a priori, non participará nela.

"Estamos dispostos á colaboración na medida en que se nos diga, pero para formar parte da comisión, a priori, a nosa inclinación sería negativa", puntualizou Argüello. Sexa como for, recoñeceu que aos bispos lles gusta máis a proposta do PSOE e o PNV dunha comisión liderada polo Defensor do Pobo da man dun equipo de expertos, que a exposta por UP, ERC e Bildu, que propuñan unha comisión parlamentaria.

"É máis respectuosa coas vítimas", asegurou o portavoz dos bispos, engadindo que unha comisión parlamentaria "tería dado pé a unha utilización partidista dun asunto de singular gravidade". Os bispos españois están á espera de coñecer como se concreta a iniciativa porque auguran que a formulación "desbordará o que a lei do Defensor prevé", xa que "a Igrexa non é un poder público".

Ademais, sobre se permitirán "a entrada nos arquivos" eclesiásticos para investigar os abusos, afirmou que "a Igrexa colaborará coas autoridades facilitando a información dispoñíbel" que se solicite sobre os casos estudados, "con respecto á privacidade das vítimas e a protección de datos, mais con espírito de colaboración".

"Todas as iniciativas que permitan desenmascarar e acabar coa secuela dos abusos na sociedade contan sempre co apoio da Igrexa", insistiu. Porén, abundou en que lamentan que a investigación só se centre nos abusos acaecidos no seo da Igrexa e non no conxunto da sociedade.