A Xunta rexistrou máis de 1.000 plantacións ilegais de eucalipto baixo a moratoria
O 31 de decembro deste ano expirará a moratoria ás novas plantacións de eucalipto, en vigor desde xullo de 2021 a través dunha disposición transitoria da Lei de recuperación da terra agraria da Galiza. Daquela, cando o PP aprobou no Parlamento galego a moratoria —de forma unilateral e sen atender ningunha das propostas de emenda da oposición—, a superficie de eucalipto na Galiza era de 419.200 hectáreas. Desde 2021, cando entrou en vigor, e até o feche de 2024, a Xunta da Galiza tivo constancia de 1.115 plantacións ilegais que foron obxecto de sanción, segundo datos de Medio Rural fornecidos a Nós Diario.
Segundo os datos preliminares do Inventario Forestal Continuo de 2023, na Galiza existen 419.051 hectáreas de eucaliptais, 1,4% máis que en 2022 –arredor de 413.000– , o que supón até 14% do territorio, debido ao afloramento de plantacións realizadas xusto nas semanas previas á entrada en vigor da moratoria. O "efecto chamada" do que no seu día alertaron colectivos ambientalistas e organizacións agrarias.
"Esta moratoria, tal e como se fixo, e o Plan Forestal do que deriva foron un fracaso", afirma Fins Eirexas, secretario técnico de Adega. Eirexas realizou esta terza feira estas declaracións durante a comparecencia pública dunha decena de entidades para reclamar unha moratoria "real, efectiva e indefinida" da plantación do eucalipto na Galiza. Lembrou que o Plan Forestal de 1993 fixaba que o número de hectáreas para esta árbore en 2023 debían ser 300.000; hoxe son 122.000 máis. E botando a vista atrás, en 1973 eran só 131.000 as hectáreas que ocupaba.
Alfredo Pereira, da Organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm), informou de que esta proposta de moratoria indefinida, que irá acompañada dunha serie de medidas —eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos, prohibición indefinida para novos plantíos de eucalipto até que se elabore una normativa específica para a ordenación das masas de eucalipto no territorio galego, ou a prohibición desta especie na Rede Galega de Espazos Protexidos— será remitida á Consellaría do Medio Rural e presentada aos diferentes grupos con representación no Parlamento.
Estas propostas presentadas onte ao público están avaladas por unha decena de entidades: sindicais (CIG), de organizacións agrarias (Fruga, SLG), de comunidades de montes, ambientalistas (Adega, Galicia Ambiental, Asociación pola defensa da Ría de Pontevedra, Federación Ecoloxista Galega) e mais a Asociación Galega de Apicultura. A demanda de estender a moratoria coincide co expresado desde outros sectores, como as entidades da industria madeireira representadas na Fundación Arume, que esta mesma cuarta feira teñen unha reunión prevista coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez e que a semana pasada tamén exixiron estender ese 'veto' ao eucalipto até 2030.
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, apuntou que o Plan Forestal carece de "consenso social" e responde a "intereses produtivistas", acordes a un "modelo de depredación" sobre o monte galego que ten na expansión do eucalipto, dixo, unha das súas expresións. Para Manuel da Cal (Fruga) e Fran Xestal (SLG), a eucaliptización implica, entre outras consecuencias, a perda de superficie agraria útil, polo que "periga" a viabilidade presente e futura das explotacións agropecuarias.
O eucalipto como especie pirófita é unha variábel a ter en conta nos incendios, sobre todo en plena emerxencia climática, así como tamén se debe de considerar o seu peso á hora de pór trancas a un monte multifuncional, sinalan desde estas organizacións. Outra cuestión sobre a que fan fincapé no documento que presentaron onte ten a ver co proxecto de instalación dunha nova celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) impulsada pola muntinacional Altri.
O 'factor Altri'
"Atendendo ás consideracións feitas polo Consello da Cultura Galega", nomeadamente sobre a súa incidencia na competencia das plantacións de eucalipto sobre a superficie agraria, "conclúese que durante o pasado século existiu unha forte relación entre as plantacións forestais e as necesidades da industria da transformación", destacan. Durante a segunda metade do século XX a expansión das plantacións feitas con especies de crecemento rápido, en particular de eucalipto, non se pode comprender sen ter en conta a demanda industrial, en especial a da pasta de celulosa. Por iso, conclúen, "non sería posíbel abastecer a planta de Altri sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto".
A moratoria indefinida sobre o eucalipto, acompañada das medidas antes sinaladas, sería un primeiro paso de cara a "mudar a visión e a orientación da política para o monte, transitando desde un modelo intensivo e forestalista, en base ao monocultivo de eucalipto, cara a un monte que siga como principios reitores a diversidade de hábitats e de especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social".
Estudo da USC: Unha especie que provoca o declive da avifauna
A proporción de eucaliptos é o factor principal na diminución da avifauna forestal autóctona no noroeste da Península Ibérica. Esta é a principal conclusión do artigo, difundido onte, no que un equipo investigador da Universidade de Santiago (USC) integrado por Fernando García-Fernández, María Vidal e Jesús Domínguez, xunto a Adrián Regos, da Misión Biolóxica da Galiza do CSIC, comparou 240 parches de bosque autóctono e eucaliptal. "A expansión das plantacións de eucalipto no noroeste da península transformou drasticamente a paisaxe e expón serias ameazas para a biodiversidade”, salientaron.
Nun recente estudo realizado no parque natural das Fragas do Eume, o persoal investigador analizou como as características da vexetación afectan a comunidade de aves forestais. Tal e como se desprende do estudo, os resultados son contundentes: “As plantacións de eucalipto albergan moitas menos especies e exemplares de aves que os bosques nativos, e o factor máis determinante deste declive é o propio eucalipto, pola súa escasa oferta de alimento e refuxio”, subliñaron. Con base nesta ampla investigación conclúen que nin sequera os exemplares máis grandes poden substituír o papel ecolóxico das árbores autóctonas maduras.


