Os hoteis calculan unha ocupación do 60% na Ponte da Constitución

Decenas de persoas asisten, o 24 de novembro de 2023, en Vigo ao inicio do alumeado de Nadal. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Vigo e A Coruña, coa iluminación do Nadal e a oferta cultural e de lecer, acaparan o foco turístico

A ponte da Constitución non encherá os estabelecementos hostaleiros da Galiza, que roldarán, de media, o 60% de ocupación durante a próxima semana. Só Vigo, co tirón que provoca a iluminación do Nadal, supera o 90%.

As asociacións de hostaleiros coinciden en apuntar que, historicamente, estas xornadas festivas non xeran demasiada afluencia na comunidade e están moi supeditadas á climatoloxía.

Aínda así, subliña o presidente do Clúster de Galiza, Cesáreo Pardal, as sensacións "son moi boas", especialmente respecto das grandes cidades. Concentran, apunta Pardal, gran parte da demanda, non só pola iluminación do Nadal, senón tamén pola súa oferta cultural, de lecer e de compras.

Vigo acaparará case todo o pastel a repartir e manterase durante toda a semana por encima do 90% de ocupación, segundo apuntou o presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos), César Sánchez-Ballesteros.

O tirón da iluminación do Nadal da cidade olívica, coa árbore e a nora xigante, a pista de xeo e o 'Circo de Nadal', fai "moi difícil" atopar xa aloxamento para esas datas tanto no centro como nos arredores.

Pola súa banda, A Coruña roldará o 70% de ocupación. Aínda que melloran os datos do ano pasado, apunta o presidente da Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), Agustín Collazos, esperaban máis movemento, "pero as previsións meteorolóxicas non son demasiado boas".

Confía tamén nas reservas de última hora para alcanzar o 80%, pero sobre todo na época do Nadal, cunhas previsións "bastante positivas".

Ademais, destaca, actividades culturais como a exposición de Helmut Newton impulsada pola Fundación Marta Ortega e diversos concertos que se celebraron na cidade herculina, tiveron un impacto moi positivo "no que sería temporada baixa na Coruña".

 

 

Santiago, nun 60%

Precisamente é este aspecto o que bota en falta a hostalaría compostelá, que achaca á relativamente baixa ocupación, a "escasa programación cultural e de lecer" que ofrece a cidade, "especialmente comparándoa co despregamento doutras cidades".

A isto sumar, apunta a presidenta de Hostalería Compostela, Sara Santos, a meteoroloxía, "xa que son uns días nos que hai boas ofertas para viaxar a climas máis cálidos antes de Nadal".

Con todo, recalcan que a cifra de ocupación entre o 5 e o 9 de decembro aumentou este ano e roldará a 60,27% fronte ao 35% da ponte de 2022. Segundo os datos achegados polos estabelecementos asociados, os días de maior afluencia serán o 8, día da Inmaculada, e o 9 (sábado), xa que moitos aproveitarán para prolongar as estancias ao fin de semana.

Indican tamén que os estabelecementos con maior número de reservas son os hoteis con encanto e pensións situadas no centro histórico, roldando algunhas o 80% de ocupación. 

 

 

Feche de moitos estabelecementos hostaleiros 

"Proba do pouco atractivo que ten a capital galega nestas datas é que moitos estabelecementos hostaleiros aproveitan para fechar e prepararse de cara a final de ano e á forte campaña de Nadal", explica Santos.

O mesmo ocorre noutras localidades galegas tipicamente turísticas como Sanxenxo, onde -tal e como explicou o presidente de Feprohos-, ao redor do 70% dos estabelecementos estarán pechados.

Con todo, apunta que os resultados finais roldarán o 40% ou 50% de ocupación para toda a provincia e que a falta de aloxamento en Vigo pode impulsar os datos de estabelecementos de municipios próximos.

Máis aló das grandes cidades, o maior interese espértano os hoteis con algún plus, como os que contan con spa ou os balnearios, para os que tamén se esperan ocupacións "bastante altas", especialmente os que se sitúan na costa galega.

O turismo rural, outro dos bastións do sector na Galiza, moverase tamén ao redor dun 50% ou 60% de ocupación, segundo avanza Pardal.

Con todo, o presidente do Clúster de Turismo móstrase optimista coas reservas de última hora, concretamente con aquelas vinculadas ao Bono #DescubreGaliciaEnOutono, campaña coa que a Xunta buscaba incentivar o turismo interno fóra de temporada alta e de cuxa partida quedan aínda entre 300.000 e 400.000 euros por gastar.