Malestar no sector coa Xunta e co Estado

A hostalaría solicita un plan de axudas para evitar fechamentos masivos

Concentración da hostalaría en Ferrol. (Foto: Europa Press)
A hostalaría galega ferve. Se a pasada semana foi Santiago de Compostela quen acolleu unha protesta masiva do sector e o domingo tomou o relevo Ferrol, onte mesmo mobilizáronse os hostaleiros da Coruña. Reclaman a atención do Goberno galego.

As entidades representativas dos hostaleiros galegos consideran as restricións da Xunta da Galiza como un fechamento encuberto. Neste sentido, sinalan que impedir a unha parte dos bares e cafetarías atender no interior do local a clientela implica paralizar de facto a súa actividade, xa que as condicións meteorolóxicas do outono non fan viábel o recurso das terrazas. Ao tempo, denuncian que os servizos de barra son un complemento importante nos ingresos dos restaurantes, cuxos comedores ven restrinxida a súa capacidade nalgúns casos até 50%. A maiores das limitacións na capacidade, os xantares e as ceas fican reducidos á categoría de “convinventes”, o que só permite aos estabelecementos atender grupos familiares.

“A limitación de comidas en restaurantes a conviventes só acontece na Galiza”, explica, en conversa con Nós Diario, Lois López, directivo da Asociación da Hostalaría de Compostela e propietario da Nave de Vidán. A este respecto, diversas fontes do sector evidencian a contradición de permitir que un grupo de persoas pasen xuntas toda unha xornada laboral e non poidan partillar xantar, algo que golpea de maneira moi decidida a economía dos locais, especialmente a daqueles centrados nos menús e non na carta.

Porén, López destaca que “o problema que enfrontan os negocios hostaleiros é que teñen que seguir facendo fronte aos seus gastos correntes mentres os ingresos se reducen de maneira considerábel”.

A estrutura de gastos segue sendo a mesma que antes do inicio da pandemia. Se ben nalgúns casos os acordos cos propietarios dos locais teñen permitido unha rebaixa nos alugueiros, coa maioría isto non acontece. Por outra banda, os negocios deben continuar facendo fronte aos seus gastos financeiros, derivados dos investimentos para acondicionar os locais ou das necesidades de funcionamento, ficando, tamén, neste caso en mans das negociacións particulares coas entidades bancarias. As consecuencias desta variábel de factores son visíbeis, advertindo Lois López que “todo este cúmulo de circunstancias xa se comeza a notar nun goteo de fechamentos, que se nunha primeira fase se concreta en locais que adiantan unha decisión xa tomada, actualmente afecta a aqueles que non poden continuar”.

As formas da Xunta da Galiza

A maneira en que a Xunta da Galiza adoptou as novas restricións a pasada sexta feira ten molestado moito a hostalaría. A este respecto, o presidente da Asociación da Hostalaría de Lugo, Cheché Real, afirma que “avisan pouco antes das 15 horas que non pode haber reunións de non conviventes, cando as reservas estaban feitas e as mercadorías compradas. Non nos respectan o máis mínimo”. Nunha liña semellante, desde a Asociación de Empresarios da Hostalaría da Coruña destacan que “estoupamos, esta é a gota que colmou o vaso, pois xa tiñamos as compras das mercadorías realizadas. Este fechamento é unha bomba xusto o día en que se pagan os seguros sociais e os impostos trimestrais”.

O enfado do sector coa Xunta da Galiza e co Goberno do Estado é maiúsculo. “Estamos cabreados, estamos cansados, estamos indignados porque están cargando as tintas contra un sector que é un exemplo de cumprimento da normativa e os protocolos hixiénicosanitarios. Seguimos pagando as cotas da Seguridade Social, o IRPF, seguimos pagando as hipotecas, a luz, a auga, seguimos pagando todo tipo de cotas e isto non é asumíbel e conduce o sector a unha ruína inmediata”. A Asociación de Empresarios da Hostalaría da Coruña, que onte realizou un fechamento en horario de 18 a 20 horas e unha marcha desde a praza de María Pita até a sede Delegación do Goberno estatal, declarou nun comunicado “estamos en guerra” e denunciou que “o Goberno e a Xunta maltratáronos. Pero todo ten un límite”.

A Asociación da Hostalaría de Compostela considera que o Goberno galego non está á altura das circunstancias. Nun comunicado público, afirman que “a día de hoxe, desde a Xunta da Galiza non existe un plan de rescate máis alá de anuncios improvisados que non se concretan, ou dunha orde de axudas ao alugueiro dos estabelecementos de ocio nocturno, claramente insuficiente e que non vai asumir de media máis que un mes de sete que levamos fechados”. Ao tempo, significan que a Administración galega “confía exclusivamente a recuperación ao Xacobeo 2021, sen saber como se vai poder desenvolver esa programación, debido á nula información que a curto e medio prazo podemos ter da situación sanitaria. Tampouco se ten en conta unha crise económica cada vez máis evidente, e que moitos dos nosos negocios non van aguantar até a primavera-verán de 2021”.