A hostalaría carga contra as medidas 'desproporcionadas' que condenan o sector

A hostalaría acolle con moita preocupación as novas restricións. Lamentan que, pese a arriscar para tirar adiante da economía, agora sexan o sector máis castigado. Advirten que a situación de moitos negocios está "ao límite" e anticipan unha vaga de despedimentos e feches a partir do 15 de decembro.
hostelaria covid bar arxina
photo_camera (Foto: Arxina)

O pasado 21 de outubro entraron en vigor novas restricións encamiñadas a reducir a incidencia do coronavirus no país, pero que na práctica supoñen un duro golpe a sectores como o da hostalaría, que aínda segue á espera de medidas efectivas por parte da Xunta para aliviar a difícil situación pola que atravesan estes negocios.

O sector non acolleu nada ben estas novas restricións. "Vémolas desproporcionadas e non se corresponden coas doutros sectores", sinala Lois Lopes, da Asociación de Hostalaría de Compostela. Na súa opinión, "en todas as actividades onde hai contacto físico deberían tomarse as mesmas medidas, e realmente está demostrado que iso é o efectivo, mais tomalas parcialmente contra o noso sector non leva a ningún lado", lamenta. 

Arredor de 85% dos locais están fechados porque non teñen capacidade para abrir ou non poden

A propia Xunta recoñece no Diario Oficial da Galiza (DOG), no que veñen recollidas estas novas restricións, que moitos dos novos contaxios se dan por contacto familiar en lugares fóra do ámbito profesional nos que non se toman ningún tipo de medidas. "Se restrinxes o servizo que nós prestamos e despois ese se realiza en espazos privados onde non hai capacidade ningunha de inspección nin de control, vemos que se agrava o problema. Non só non se corrixe, senón que se insiste en facelo mal", denuncia.

Os empresarios e as empresarias que se dedican á hostalaría coñeceron as novas medidas no mesmo momento que entraron en vigor. "Non hai transparencia cos datos, non se reúnen co sector e lexislan no DOG á mesma hora que entra en efecto. A estas alturas merecemos algo máis de respecto", sinala Lopes. "Polo menos que se tomen a molestia de convencernos de que son as medidas que hai que tomar, pero aquí parece que canto máis duros sexamos, mellor". 

Un sector ao límite

Como sinala o integrante da Asociación de Hostalaría de Compostela, o sector está "ao límite do límite". Arredor de 85% dos locais están fechados porque non teñen capacidade para abrir ou non poden, "e se isto se demora moito pode haber 3o% de feches definitivos", alerta Lopes.

Para evitar esta sangría, a Xunta vén de anunciar axudas de até 20.000 euros para que os negocios de lecer nocturno fagan fronte ao alugueiro. Á espera de concretar esta medida, Lois Lopez amósase cada vez máis reacio a valorar anuncios "que non se corresponden coa realidade". Explica que esas axudas irán para a xente que leva fechada 6 meses ou máis e "as dificultades económicas dunha empresa non se poden avaliar polo tempo que leva fechada ou por outros parámetros que están empregando aí". "É benvida, pero insuficiente", recoñece.

En Compostela, as restricións veñen xa do 15 de agosto, co fechamento e do lecer nocturno. O 3 de setembro decretouse o nivel 2 e o pasado 21 de outubro toda a hostalaría galega pasou a nivel 3. "Quizais o de abrir non era a mellor solución, pero o sector fixo unha aposta forte por recuperar a normalidade e pór os nosos negocios en marcha e reivindicar o noso dereito a traballar. O que non pode ser é que os que apostamos, os que tiramos para adiante, agora quedemos fóra. Deben mirar outros parámetros, non o tempo que levas fechado".

Cabeza de turco 

As persoas que traballan na hostalaría séntense "cabeza de turco" na aplicación dunhas medidas restritivas que, como apuntan, afectan de cheo a un sector que representa 20% da economía do país de modo directo, e do que dependen outros moitos sectores.

"Estanse a tomar medidas absolutamente lesivas sen un plan B. Non creo que sexa moito pedir que haxa un plan de rescate real, concreto e que todos saibamos a que aternos", di Lopes, que lembra que a Xunta, como lle recordou recentemente o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, ten competencias na materia. "A Xunta dicía que se limitaba a executar as directrices de Sanidade, pero estas non son máis que instrucións para que cada territorio actúe en función da súa realidade, e eles [o Executivo galego] fixérono en función dos seus intereses, non da realidade", aféalles.

Vaga de despedimentos

Desde a Asociación Coruñesa de Hostalaría, Héctor Cañete, insiste no desproporcionado das restricións, na insuficiencia das axudas e na dramática situación pola que pasan moitas empresas. "Están no límite absoluto após un verán no que non se puido traballar, e vaise acabando o aire que daban as terrazas, o que debuxa un escenario complicado de cara ao inverno".

Como explica Cañete, "non só é cubrir os gastos, é que precisas un modo de vida, comer, pagar a escola dos fillos,...". Afirma que os ERTE foron de grande axuda, mais o feito de non poder despedir "foi un erro en toda regra". 

Como apunta, en decembro, cando remate o prazo de carencia de seis meses que fixan os ERTE, haberá moitos despedimentos e fechamentos, "mais dos que se producirían se tivesen deixado despedir para axustar o cadro de persoal ás necesidades". "Será algo sen precedentes", advirte o directivo.

Comentarios