A hostalaría pide o fin das restricións no sector tras o descenso da Covid

As restricións de comensais por mesa seguen vixentes na hostalaría (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O único límite vixente que piden suprimir afecta ao número de comensais por mesa tanto en interiores como ao aire libre.

 

O presidente da Federación Galega de Hostalería, Cheché Real, pide á Xunta que elimine as restricións no sector en vista dos niveis de contaxios por coronavirus.

Neste momento segue en vigor a limitación de comensais por mesa, de 10 persoas en interior e 20 en exterior, unha medida que buscan suprimir.

Real lembrou que na Galiza o sector "aínda" se atopa "sen poder traballar ao cento por cento". Por iso reclaman que se atenda "o que permiten as nosas licenzas". "Queremos conseguir que se acaben coas restricións dunha vez", insistiu.

Ao mesmo tempo, Real reclamou a súa inclusión "nos créditos ICO". "Non sabemos o motivo polo que non se abarcou o sector da hostalería", apostilou. Unha demanda que trasladaron por parte da plataforma estatal de hostalaría.

Semana Santa

O presidente da federación galega pon o foco nos próximos festivos. "A ver como vai a Semana Santa, a ver se o tempo acompaña, máis que nada para pulsar como está a situación debido a todo o que aconteceu agora, coa guerra de Ucraína".

Non pasou por alto "a inflación galopante que hai coa subida dos carburantes e da enerxía, que a nós sobre todo aféctanos polo gas e a electricidade", engadiu. "Isto é un cóctel tremendo. A primeira proba ímola ter en Semana Santa, ver a dispoñibilidade e o ánimo que hai por parte da sociedade", esgrimiu.

Para o tamén presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo a evolución do sector "non é nada boa". "Porque ademais vemos que hai unha caída importante en forma de feche de negocios na hostalería a nivel do Estado e non só na Galiza", concluíu.