A hostalaría galega exixe eliminar todas as restricións alén da dos horarios

O sector citica a prórroga do pasaporte Covid, que consideran innecesaria, e reclama que volva o uso habitual do que marcan as licencias en canto a capacidade.
Os negocios de hostalaría poderán abrir no seu horario habitual, mais seguirán as restricións de capacidade nas mesas (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os negocios de hostalaría poderán abrir no seu horario habitual, mais seguirán as restricións de capacidade nas mesas (Foto: Nós Diario)

"Chegou o momento de eliminar prohibicións e centrarse nas recomendacións", anunciaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, após o Consello desta quinta feira, sobre as restricións horarias na hostalaría.

Desde este sábado, os locais poden volver abrir segundo os horarios que estabelece cadansúa licenza. O sector considera esta medida "lóxica" pero "insuficiente" mentres non se levanten o resto das restricións.

Os hostaleiros galegos son especialmente críticos coa obriga de presentar o pasaporte Covid, que a Xunta vén de estender até o día 26 co aval do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). "Non ten sentido que unha medida que xa se eliminou en Europa e na maioría de territorios do Estado aquí se siga mantendo non se sabe en base a que", denuncia en declaracións a Nós Diario Lois Lopes, presidente de Hostalaría.gal.

"É unha medida que a nós suponnos un esforzo extra en persoal e que non está claro que sexa eficaz. Tampouco a situación sanitaria da Galiza é das peores do Estado, nin moito menos, afortunadamente", apunta  o directivo da asociación, que indica tamén que o levantamento das restricións horarias non afectará a moitos locais que xa viñan abrindo nos horarios que marcaban as súas licenzas por atoparse estes dentro das franxas marcadas pola Xunta.

Restricións da capacidade 

Outro dos aspectos que consideran lesivos para a súa actividade é o feito de que o Executivo galego continúe coa limitación de ocupantes por mesa, pero especialmente a obriga de manter o metro e medio de separación. 

Como explica a este diario Serxio Fernández, propietario do pub Século IX en Compostela, á espera de coñecer o contido concreto das medidas que se publiquen no Diario Oficial da Galiza (DOG), "se só se limita á recuperación de horarios quédase curta. Nós queremos que volva o uso habitual de cada unha das licenzas de restauración, porque se se mantén a separación persoal, a ocupación dos estabelecementos seguirá a sufrir unha redución mínima de 25%", advirte.

Fernandez explica, ademais, que esta limitación é maior no caso dos locais de hostalaría que están situados nos cascos históricos de vilas e cidades, nos que a súa configuración fai que esta limitación sexa aínda máis prexudicial, superando en moitos dos casos esa porcentaxe.  

"Un estabelecemento estreito e alargado sufrirá tres veces máis esa norma", explica o hostaleiro, que incide en que coa obrigatoriedade da máscara e o pasaporte Covid "tampouco ten moito sentido que se manteña esta medida" que, como lembra, "impide o uso das licenzas coa súa cabida orixinal".

Na mesma liña pronunciouse Cheché Real, presidente da Federación Galega de Hostalaría. "Non se trata só dos horarios, senón tamén das ocupacións ou do certificado Covid, que non entendemos que agora se siga pedindo", cando hai autonomías que xa non o piden "e outras que non o pediron nunca", e que mesmo países como Dinamarca ou Suecia "xa deron por terminada a pandemia". "O que reclamamos é que nos deixen abrir a 100%, tal e como marca a nosa licenza de actividade", aseverou.

Como denuncian, o feito de non poder traballar con normalidade e dedicar recursos extra ao cumprimento destas medidas estalles a ocasionar un impacto nas súas contas que non ven compensado por parte da Administración galega, á que reclaman axudas para o sector.

Comentarios