Recuperamos o ocorrido a M.P.

O Hospital de Burela, baixo sospeita pola actuación en caso de aborto

aborto(2)

O Hospital da Costa de Burela volveu á palestra a raíz da condena que un xuíz lle impuxo ao Sergas polos graves danos que sufriu unha paciente que quería abortar. Porén, o desta muller non é o primeiro caso. Alén dos reportados pola avogada que levou o caso da afectada, Sermos Galiza xa se fixera eco en decembro de 2012 dun caso semellante. Tamén no Hospital da Costa.

En decembro de 2012, nunha reportaxe asinada por Beti Vázquez sobre o aborto, o Sermos Galiza nº 27 facíase eco da historia de M.P, un caso máis que pon de manifesto a suposta falta de información que se dispensa no Hospital da Costa. Segundo lle narrou esta muller a Sermos Galiza, “estaba embarazada e fun facer a proba prenatal que me tocaba na semana doce. Dixéronme que vían algo raro na ecografía, que non sabían o que era, e que volvese dúas semanas despois. Volvín. Seguían sen me dicir o que era. Preocupeime e fun a unha clínica privada na procura dunha segunda opinión".

No centro privado ao que acudiu M.P., xa na primeira consulta lle advertiron dunha malformación grave. Todos os xinecólogos e xinecólogas que a atenderon coincidiron non só en que a malformación do feto revestía de importancia, senón tamén en que era perfectamente visíbel na primeira ecografía, realizada na semana 12 no hospital público.

O de Burela "é un hospital onde todos os médicos son obxectores, polo que non advirten de que tes ese dereito [ao aborto]"

Segundo as declaracións da afectada, “até o médico de cabeceira viu a ecografía e soubo o que era”. M.P. advertía xa de que o de Burela “é un hospital onde todos os médicos son obxectores, polo que non advirten de que tes ese dereito [ao aborto]”. Esta muller, declarou no seu día que estaba convencida de que as probas que se lle pediran tiñan por obxecto deixar pasar as 22 semanas en que o aborto sería legal segundo a normativa vixente.

Logo de verse obrigada a procurar información na privada, M.L. decidiu abortar. Cobráronlle 715 euros.

Aínda que en declaracións a Sermos Galiza en decembro de 2012, M.L. advertía de que aínda estaba a tempo de denunciar pola vía penal o centro hospitalario por non lle facilitar a información á que tiña dereito, finalmente non denunciou. Porén, o seu caso serviu para que outras afectadas acudiran aos tribunais. Casos coma este axudaron a botar luz sobre as prácticas do Sergas en relación aos abortos e mesmo a que Sanidade for condenada a unha indemnización de 270.000 euros.

As sombras seguen a recaer sobre o Hospital da Costa de Burela. Como daba a coñecer Sermos Galiza, e segundo Francisca Fernández Guillén, a avogada da muller que foi derivada a Madrid e perdeu o útero como consecuencia da demora da autorización para abortar, este centro hospitalario público ocultoulle a unha muller brasileira información sobre as graves malformacións que sufría o seu feto até o punto de que tivo o seu fillo e de que se viu nunhas dificultades gravísimas para o sacar adiante. A avogada tamén lle relatou a Sermos Galiza o caso dunha muller alxeriana á que se lle fixo asinar que entregaba o seu fillo en adopción con documentos en español cando só sabía francés.